CULTURA

10 & 10 Danza, de Mónica Runde, presenta "Episodios (Temporada 25)" no Principal

28/04/2015 Mónica Runde convocou a cinco experimentados e reputados creadores para armar Episodios (Temporada 25). Cada un dos coreógrafos ideou unha fantasía propia a través do corpo da bailarina que se somerxe, un tras outro, nos cinco universos que compoñen Episodios. O espectáculo poderase ver este mércores 29 de abril, a partir das 20:30 horas, no Teatro Principal, no marco do ciclo Danza 2015.

O quinto episodio, de Claudia Faci, envólveo todo para regalo e disólvese entre os catro episodios con título: Laféeverte ("Mirar a vida á cara, sempre…", Pedro Berdäyes), La hora del té ("Un pequeno mundo, cargado de orde, manipulación, buratos negros e estrelas…", Carmen Werner), No quiero olvidar ("Se pecho os ollos é máis doado…", Luis Luque) e Oro ("E poñereina baixo un ceo, na terra…", de Daniel Abreu).

10 & 10 Danza está de celebración: 25 anos cheos de producións de éxito e galardóns (Premio Nacional de Danza) transcorreron xa dende que Mónica Runde e Pedro Berdäyes decidiron crear a súa propia compañía como ideal vehículo de expresión para as inquedanzas artísticas… Sen dúbida, 10 & 10 Danza cumprirá moitos máis.

As entradas teñen un prezo de 12 euros e o evento está dentro do Bono de Danza. Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18.00 a 21.00h), en entradas.abanca.com ou no 902 434 443.

Compartir: