TEMPORAL

O Concello chama á tranquilidade ante o temporal e pon en marcha un operativo de prevención por se fose necesario

20/09/2006 As previsión meteorolóxicas iniciais sobre a intensidade do furacán Gordon víronse reducidas nas últimas horas, polo que en Santiago os ventos non superarán os 47 quilómetros por hora. As autoridades municipais chaman á calma e á tranquilidade dos cidadáns porque non se espera que este temporal sexa especialmente virulento. De tódolos xeitos, o Concello vén de pór un marcha un dispositivo de prevención, integrado por 100 persoas, para atallar calquera problema que poida causar a tormenta.

As informacións iniciais sobre a intensidade do fenómeno meteorolóxico adverso que chegará a Galicia esta noite víronse modificadas á baixa nas últimas horas, polo que non se esperan situacións excepcionais na área de Compostela. En Santiago as predicións falan de ventos de non máis de 47 quilómetros por hora e precipitacións que se achegarán aos 60 litros por metro cadrado.

As autoridades municipais fan un chamado á tranquilidade da poboación, dado que non será unha tormenta de excesiva virulencia. Aínda así, o alcalde en funcións, Néstor Rego, aclarou que o Concello poñerá en marcha un dispositivo especial "que estará alerta por se necesita intervir en caso de inundacións ou outro problema". Este dispositivo especial de prevención contará con 100 efectivos dispoñibles na madrugada do mércores ao xoves, integrado por membros dos servizos municipais de Policía local, Bombeiros e Protección Civil, a brigada de vías e obras e as empresas concesionarias Cespa e Aquagest. A partir das 8 da mañá e ata as 12 do mediodía, cando se prevé que o temporal acade a súa maior intensidade, o operativo verase incrementado coas quendas habituais chegando a un total de 145 persoas.

Aínda que non se prevén complicacións, o concelleiro de Seguridade Cidadá, Xosé Baqueiro, recomendou aos bares e restaurantes que recollan o mobiliario que poida ser levado polo vento como terrazas ou toldos. Desde o Concello tamén se aconsella á poboación tomar certas medidas de precaución para evitar accidentes como retirar tódolos obxectos que poidan caer á rúa dos tellados, balcóns ou fiestras. Recoméndase pechar ben portas, ventás e persianas e manterse ó tanto dos partes meteorolóxicos.

No caso de que sexa necesario saír á rúa, é aconsellable camiñar preto das fachadas dos edificios vixiando a posible caída de obxectos. Así mesmo, Protección Civil recomenda evitar pasar cerca de inmobles ruinosos, andamios, árbores, tendidos eléctricos e demais obxectos que poidan ser derrubados polo vento. A precaución debe extremarse na conducción. Protección civil advirte da necesidade de circular coas luces acesas, prestar especial atención nos adiantamentos, aparcar o vehículo nun lugar protexido do vento e ben inmobilizado e evitar as zonas arboradas e con tendidos nas proximidades.

O Concello recorda aos cidadáns os teléfonos aos que se debe chamar no caso de emerxencia: 080 (Bombeiros), 092 (Policía local) e 112.

Compartir: