PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Centro de Formación Ocupacional Sanxúas (Aríns) amosa o traballo dos seus obradoiros e cursos

20/09/2006 O Centro de Formación Ocupacional Sanxuás, de Aríns, xestionado pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego, recibiu unha visita institucional na que participaron o director xeral de Formación e Colocación, Pastor Fuenteseca, e a delegada provincial da Consellería de Traballo na provincia da Coruña, María Debén. Ademais do percorrido polas instalacións, ámbolos responsables mantiveron unha xuntanza co persoal técnico e os formadores das diferentes liñas de actuación da Concellaría na área de emprego.

Xosé Manuel Iglesias, concelleiro de Promoción Económica e Emprego do Concello de Santiago, exerceu de anfitrión nesta visita, que tiña como obxectivo dar a coñecer as melloras efectuadas na edificación nos últimos meses, así como informar das diversas liñas de traballo que se están a desenvolver neste espazo de formación teórica e práctica, onde o obxectivo último é a inserción laboral dos alumnos participantes nas diferentes accións desenvolvidas. Actualmente o C.F.O. Sanxuás de Aríns acolle un obradoiro de emprego e cinco cursos de formación ocupacional.

Xosé Manuel Iglesias destacou o esforzo realizado desde a Concellaría por "adecuar os cursos impartidos ás necesidades reais das empresas, a través dun traballo de análise do mercado que agardamos que supoña un incremento nas expectativas de inserción dos alumnos". Tamén agradecer o esforzo realizado dende a administración autonómica, "coa que mantemos unha relación de fluidez que nos permite traballar de xeito máis produtivo e avanzar con eficacia cara aos obxectivos marcados nesta área de emprego".

Obradoiro de emprego

O obradoiro de emprego "Enerxías renovables" integra varios módulos (dous de albanelería, un de carpintería e outro específico de enerxías renovables). Os seus 48 alumnos comezaron en decembro do ano pasado un período de formación que abarca doce meses, distribuídos en dous semestres. Ata decembro deste ano 2006, data de remate dos obradoiros, está previsto que os alumnos desenvolvan unha serie de labores no que nun futuro será o Centro de Recursos e Servizos Integrais de Apoio á Empresa (Cersia), ubicado na zona de San Lázaro. Cimentación, tabiquería ou elaboración do mobiliario do centro son algunhas tarefas realizadas para a creación deste edificio, que pretende integrar nun só espazo toda a actividade municipal da área de emprego.

Para cando remate este obradoiro, a concellaría de Promoción Económica agarda poder poñer en marcha outro obradoiro de emprego, denominado "Compostela Natural", e que ten como liñas de actuación a recuperación das ribeiras do río Sarela e a construción dun albergue para cabalos no monte do Gozo. O proxecto xa foi presentado na Consellería de Traballo, e agora estase á espera da súa aprobación.

Arredor de 500 alumnos

No Centro de Formación Ocupacional de Aríns tamén se están a impartir outros cinco cursos dependentes do plan FIP. En horario de mañá desenvólvese o curso de cantería, mentres que polas tarde teñen lugar o resto de cursos: ebanistería, xardinería, albanelería e instalador de placas solares térmicas.

Ademais dos cursos que a Concellaría de Promoción Económica e Emprego imparte no Centro de Formación Ocupacional Sanxuás, de Aríns, neste momento estase a celebrar un curso experimental de domótica na sede que este Departamento vén de pór en marcha na rúa Pérez Constanti, en Santiago de Compostela, dotada de tres aulas que acollerán os cursos de contido máis teórico.

Para a vindeira semana está previsto tamén o comezo dun curso de condutoras de autobús (dentro da modalidade de formación ocupacional para mulleres), e antes do remate do ano convocaranse outros tres cursos de formación continua dirixidos a traballadores en activo, todos eles na área de terceira idade: psicomotricidade coa persoa maior, traballo de estimulación da memoria en maiores e nutrición xeriátrica.

En total, neste 2006 pasarán polos cursos organizados desde a Concellaría de Promoción Económica e Emprego arredor de 500, entre o obradoiro de emprego, os cursos de formación ocupacional e formación continua e mais os proxectos Equal Compostela Social, Crear III e Persoa III. Esta cifra supón un incremento notable con respecto a anos anteriores, tanto en número de accións formativas como de alumnos participantes.

Compartir: