TURISMO

As pernoctacións internacionais medraron en Santiago un 45,71% no pasado mes de marzo

24/04/2015 O turismo internacional continúa crecendo en Santiago dun xeito considerable. No pasado mes de marzo alcanzáronse as 22.966 pernoctacións, segundo os datos do INE. Esta cifra supón un crecemento do 45,71% respecto de marzo do ano pasado, cando o número de pernoctacións foráneas foi de 15.761. Trátase do mellor dato de turismo internacional no mes de marzo na serie histórica do INE que comeza no 2005.

No primeiro trimestre a cifra de pernoctacións internacionais na cidade sube ata 43.082, cun crecemento do 29,46% respecto das 33.278 que houbo no primeiro trimestre do ano pasado. O máis relevante deste crecemento é que se produce con respecto ao 2014, que foi o ano con maior número de pernoctacións internacionais na historia da cidade segundo o INE, con 478.391.

Os datos de pernoctacións internacionais na cidade, tanto en marzo como no conxunto do primeiro trimestre, son consistentes cos datos de tráfico no aeroporto de Santiago. No mes de marzo houbo máis de 25.000 pasaxeiros nas conexións internacionais, cun crecemento superior ao 15%. No primeiro trimestre superáronse xa os 63.000 pasaxeiros nas rutas internacionais, un aumento que supera o 10% con respecto ao primeiro trimestre do 2014.

Os datos de turismo internacional permiten que no mes de marzo houbese un crecemento do 12,76% nas pernoctacións totais, que inclúen a turistas estranxeiros e domésticos. En conxunto alcanzáronse as 65.467 pernoctacións, fronte ás 58.058 de marzo do ano pasado. No primeiro trimestre súmanse xa 146.698 pernoctacións totais, cun crecemento acumulado do 4,07%.

Os datos de marzo e do primeiro trimestre indican que o sector turístico da cidade vai camiño de conseguir o obxectivo municipal marcado para o 2015 en turismo internacional, que é conseguir superar por primeira vez na historia o medio millón de pernoctacións foráneas en Santiago e marcar un novo récord por cuarto ano consecutivo.

Documentos relacionados



Compartir: