CULTURA

Herbert Schuch presenta "Invocación e campás" no VII Ciclo de Piano Ángel Brage

23/04/2015 Tras o concerto de Lars Vogt o pasado mes de marzo, o Ciclo de Piano Ángel Brage continúa coa súa programación desta VII edición. Así, este venres chegará a Compostela Herbert Schuch, ao que poderemos escoitar ás 21:00 horas no Auditorio de Galicia, enmarcado tamén dentro do Programa de Abono. Presenta o programa Invocación e campás, no que interpretará obras de Murail, Liszt, Messiaen, Bach, Bussoni, Bauer e Ravel.

Fascinado polo son das campás, Herbert Schuch concibiu un dramático programa co punto de mira posto na "invocación" e as "campás". Ademais de Liszt e Bach (arranxado por Busoni e Harold Bauer), este talento romanés inclúe unha homenaxe de Tristan Murail ao seu mestre Olivier Messiaen, de quen interpreta un preludio antes de pechar o seu recital con La vallée des cloches, unha das cinco pezas dos Miroirs na que Ravel se inspirou na multitude de campás que resoan en París cada mediodía.

As entradas teñen un prezo de 12 euros e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal, en entradas.abanca.com, no 902 434 443 ou o propio día do concerto no Auditorio de Galicia desde as 18:00 horas.

Alexandre Tharaud, o 14 de maio
Descuberto polo gran público na película Amour de Michael Haneke, na que se interpreta a si mesmo, o pianista parisiense Alexandre Tharaud debuta na nosa cidade o 14 de maio cun recital de composicións para piano de Mozart pouco interpretadas, e singulares obras de dous autores franceses: as tres primeiras Gnossienes de Erik Satie (breves pezas cuxa denominación ofrece diferentes lecturas) e Miroirs, suite pianística en cinco partes de Maurice Ravel.

Compartir: