CULTURA

Laurence Jones debuta en Compostela cun concerto dentro do Blues Nite by 1906

23/04/2015 O ciclo Blues Nite by 1906 ofrece este venres un concerto con Laurence Jones, na que é a primeira visita a España deste imparable talento. Jones, con só 22 anos de idade, non tardou en facerse un nome propio na escena do blues europeo. Poderemos escoitalo a partir das 21:30 horas na Sala Capitol. As entradas teñen un prezo de 10 euros anticipada e 15 € o día do concerto e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas), en Ticketea, Miranda, A Reixa Tenda ou salacapitol.com Ademais, o concerto está dentro do Bonoblues.

"O máis prometedor talento da escena blues-rock mundial" para a revista Classic Rock, en 2014 recibiu o premio ao Mellor Artista Novo do Ano en Colne (Lancashire) no festival de rhythm & blues máis prestixioso das illas británicas. Presentará o seu novo disco: What's it gonna be?.

O seu álbum de debut Thunder In The Sky (2012) provocou a atención de moitos selos discográficos e o contrato con Ruf Records, reputado selo de blues alemán que editou en 2014 Temptation, disco gravado en Estados Unidos co que Laurence Jones está a colleitar inmellorables críticas en todo o mundo. O seu impresionante talento mereceu comentarios como o de Blues Magazine: "o increíble Laurence Jones dou forma ao que anticipaba, oficialmente graduouse con creces de neno prodixio a maduro guitarrista… O futuro do blues británico? Pode apostar que xa é o presente". Por primeira vez preséntase en España a que probablemente será unha das figuras clave no ritmo do blues europeo no século XXI, Laurence Jones.

Bonoblues para varios concertos
Existe a posibilidade de mercar un Bonoblues para todos os concertos ou para tres deles. O bono para todos os concertos ten un prezo de 40 euros; o de 3 ten un prezo de 28 € e será para os de Németh, Jones e Bonfanti… O Bonoblues pode mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal.

Compartir: