ECONOMÍA

A sétima edición de Getting Contacts contou con 148 empresas e profesionais

23/04/2015 A concelleira de Economía, Reyes Leis, asistiu á apertura da sétima edición en Santiago de Compostela de Getting Contacts, celebrada na Cidade da Cultura. O evento contou coa participación de 148 empresas e profesionais.

Getting Contacts ten coma obxectivos fortalecer ás empresas locais e axudar aos emprendedores que están comezando no desenvolvemento do seu proxecto, facilitando os contactos e o networking, xerando novas oportunidades de negocio e abrindo as portas a novas inversións. A organización garante que cada participante pode entrevistarse cun mínimo de dez persoas con intereses comúns para atopar novos clientes e provedores, novos socios e proxectos, mellorar a súa rede comercial ou atopar potenciais inversores.

A primeira edición en Santiago de Getting Contacts celebrouse en xuño do 2012. Dende entón, máis de 750 persoas tiñan participado nas seis edicións deste encontro empresarial. Cunha participación media de 131 persoas por encontro, estes eventos permitiron a realización de máis de 9.000 entrevistas comerciais. A valoración dos eventos estivo en todos os casos por enriba do 8.3 sobre 10 e máis do 80% das persoas asistentes manifestaban en cada evento a súa intención de participar en seguintes convocatorias do mesmo.

A setima edición do encontro comercial Getting Contacts celebrouse na Cidade da Cultura grazas a un convenio de colaboración asinado entre a Fundación Cidade da Cultura e o Concello de Santiago.

Compartir: