CENTROS SOCIOCULTURAIS

Continúan as actividades da Semana Cultural da Rocha

20/09/2006 Son xa dúas xornadas de actividades da II Semana Cultural da Rocha, que se prolongará ata o sábado 23. Esta edición o evento dedica unha sentida homenaxe a Luciano García Alén e toma como un dos seus referentes o ferrocarril.

O tren é un dos referentes históricos deste barrio, e por este motivo está aberta ao longo da semana a exposición "Semana do tren na Rocha", da Asociación de Amigos do Ferrocarril. E como complemento, o sábado 30 haberá unha viaxe en tren a Vilagarcía de Arousa, onde se visitará o Museo do Ferrocarril, ademais do Centro de Interpretación da Ría de Arousa. O recordo ao tren inclúe tamén a proxección o xoves 28 do documental "Carrilanos, os túneles dun tempo".

Para o venres 22 quedará a homenaxe que o barrio renderá a Luciano García Alén e á súa dona, María García Ayuso, en recoñecemento ao seu labor social e cultural na Rocha Vella. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurará unha escultura sobre unha das súas obras, "Conto do Castelo da Rocha Vella", na rotonda da Praza da Roca, e tamén se estreará unha peza musical inspirada nesta historia infantil.

Ademais disto, continúan na xornada do xoves 21 o taller de abelorios e o obradoiro de informática. Ás 19:00 haberá unha sesión de contacontos e, unha hora despois, representación teatral a cargo do Grupo de maiores da asociación cultural para o desenvolvemento sen fronteiras, dirixido por María Montaña.

Ao día seguinte, ademais da homenaxe, destaca a conferencia "A importancia da alimentación equilibrada", impartida por Shayla Mira, Cristina Ochoa e Ana Escariz, técnicas superiores en dietética e nutrición. E o sábado 23, misa de campaña na honra de Santa Eufemia e sardiñada organizada pola asociación de veciños e actuación musical.

está prevista unha ampla gama de actividades para toda a semana, como unha festa infantil, unha representación de teatro, obradoiros de informática, cine, contacontos, un obradoiro de abelorios e a conferencia "A importancia da alimentación equilibrada". O sábado 23 haberá unha misa de campaña na honra de Santa Eufemia e unha sardiñada con actuación musical.

Compartir: