TEMPORAL

Protección Civil recomenda precaución ante o temporal que se achega a Galicia

19/09/2006 Os restos do ciclón "Gordon" comezarán a deixarse notar en Santiago o mércores pola tarde e acadarán a súa maior forza na xornada do xoves. Desde Protección Civil recoméndase precaución e ofrécense algúns consellos de utilidade, tales como camiñar preto das fachadas dos edificios e evitar pasar á beira de inmobles en ruínas ou en obras.

Dende o Instituto Nacional de Meteoroloxía informan da chegada para os vindeiros días 20 e 21 de setembro dun fenómeno meteorolóxico adverso que pode afectar ao cuadrante noroeste peninsular. A situación comezará a notarse en Compostela a partir da tarde do mércores 20 e acadará a súa maior intensidade na xornada do xoves 21, cando se poderían rexistrar ventos moi fortes, ocasionalmente furacanados (superiores a 120 km/h) e precipitacións localmente intensas.

Debido a este temporal, Protección Civil aconsella á poboación tomar certas medidas de precaución para evitar accidentes. Se nos atopamos na casa, cómpre retirar tódolos obxectos que poidan caer á rúa dos tellados, balcóns ou fiestras. Recoméndase pechar ben portas, ventás e persianas e manterse ó tanto dos partes meteorolóxicos.

No caso de que sexa necesario saír á rúa, é aconsellable camiñar preto das fachadas dos edificios vixiando a posible caída de obxectos. Así mesmo, Protección Civil recomenda evitar pasar cerca de inmobles ruinosos, andamios, árbores, tendidos eléctricos e demais obxectos que poidan ser derrubados polo vento.

A precaución debe extremarse na condución. Protección civil advirte da necesidade de circular coas luces acesas, prestar especial atención nos adiantamentos, aparcar o vehículo nun lugar protexido do vento e ben inmobilizado e evitar as zonas arboradas e con tendidos nas proximidades.

Compartir: