TURISMO E DEPORTES

Máis de 600 corredores populares de 17 provincias xa se inscribiron na carreira nocturna SantYaGo10K

18/04/2015 A primeira carreira nocturna SantYaGo10K reunirá en Santiago a corredores populares de polo menos 17 provincias españolas. Ata o momento xa se inscribiron máis de 600 persoas, cando aínda restan tres semanas para a carreira, que será o nove de maio. A maior parte dos afeccionados ao atletismo inscritos son galegos, con persoas das catro provincias, pero é destacable a diversidade de procedencias do resto de España.

É previsible que nos vindeiros días o número de inscritos continúe aumentando a un bo ritmo xa que o prezo de inscrición será de seis euros ata o domingo 26 de abril, cun desconto especial para todos os abonados ao Multiúsos Fontes do Sar, que poderán inscribirse por só tres euros. A partires do 27 de abril, o prezo de inscrición será de 12 euros para todos os participantes. O prazo de inscrición remata o 3 de maio.

Malia o número de inscritos e a súa diversidade de procedencias, a organización non se fixa un obxectivo concreto de participantes para esta primeira edición. O obxectivo é que todos os participantes, xa sexan atletas populares con anos de experiencia ou novos afeccionados que están descubrindo as múltiples virtudes do running, gocen dunha experiencia única, deportiva e turística.

O circuíto de carreira, de 10 quilómetros, pasará por varias das rúas principais do Casco Histórico e do centro da cidade. Tamén pasará pola Alameda, onde se poderán contemplar unha das mellores panorámicas do Casco Histórico e da Catedral. A carreira rematará na propia praza do Obradoiro.

A saída será o sábado 9 de maio ás 22:00 horas e estímase o peche da carreira ás 23:30 horas. A data e a hora da carreira están pensadas para incentivar tamén que participantes e os seus amigos e familiares procedentes doutros lugares de Galicia e España poidan pasar unha fin de semana na cidade, unindo deporte e turismo. As inscricións para SantYaGo10K poden realizarse a través de dúas canles: na páxina web do evento, www.santyago10k.es, ou presencialmente, nas recepcións do Multiúsos Fontes do Sar e do Complexo Deportivo Santa Isabel.

A carreira nace da man do Club de Atletismo Fontes do Sar que, logo de participar en ducias de carreiras en toda España, deseñou unha cita pensando nos corredores populares e tomando os mellores detalles dunha multitude de probas de todo tipo.

SantYaGo10K ten tamén unha vocación solidaria que quere amosar o espírito social e colaborativo dos afeccionados ao running. Todos os participantes na carreira poderán entregar alimentos non perecedoiros no momento de recoller o seu dorsal. Os alimentos que se recollan doaranse ao Albergue Xoán XXIII, proxecto social da Orde dos Franciscanos en Santiago.

Direcciones relacionadas



Compartir: