CULTURA

A compañía vasca Dantzaz Konpainia presenta "Flash!" dentro do ciclo Danza 2015

16/04/2015 A compañía vasca Dantzaz Konpainia chega a Compostela para presentar Flash! dentro do ciclo Danza 2015. Será este venres 17 de abril, a partir das 18:30 horas, no Auditorio de Galicia. As entradas teñen un prezo de 12 euros e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 h), en entradas.abanca.com, no 902 434 443 e o propio día no Auditorio de Galicia dende as 18:00 horas.

Flash! é o resultado da colaboración de dous galardoados coreógrafos de recoñecido prestixio con Dantzaz Konpainia, cuxo froito é un tríptico de danza formado por Few Brief Sequences (do israelí Itzik Galili), Things I told nobody e Flash Deluxe (do polaco Jacek Przybylowick).

Sedución e plasticidade, enerxía e delicadeza, acrobacias e poesía mestúranse nunhas coreografías nas que a música nace de percusións tribais e de autores barrocos e clásicos (Marais, Mozart, Vivaldi, Haendel, Satie) e a iluminación convértese en protagonista, recreando espazos irreais, cortes barrocos e frenéticos aquelarres. Flash! reúne todos os ingredientes necesarios para un gran serán de danza con Dantzaz Konpainia, compañía profesional residente no Datzagunea de San Sebastián vinculada a unha plataforma pedagóxica que, con excelentes resultados, forma e promove a bailaríns de toda Europa para conseguir o seu primeiro emprego en compañías de primeira liña internacional.

Bono Danza 2015
Este bono entrégase gratuitamente coa compra dunha localidade para calquera dos espectáculos incluídos no catálogo Danza 2015 e dá dereito a un desconto do 25% na compra da entrada (máximo de 1 entrada por espectáculo) para o resto das representacións do catálogo Danza 2015.

O desconto do 25% no prezo da entrada poderá facerse efectivo mostrando este bono e o DNI no despacho de billetes do Teatro Principal (18:00-21:00 h, de martes a sábado) e na Zona C e no Salón Teatro os días de espectáculo. Este bono é persoal e intransferible. Non acumulable a outros descontos.

Compartir: