DEPORTES

As bicicletas sairán de novo á rúa

19/09/2006 O domingo 24 de setembro celebrarase o XVIII Día da Bicicleta. Os composteláns sacarán de novo as súas bicicletas á rúa, nunha homenaxe a este medio de transporte convertida en xornada de convivencia e de lecer, sen ningún ánimo competitivo.

Poderán participar todas as persoas que o desexen, aínda que se recomenda que sexan maiores de sete anos. Aqueles que se inscriban con antelación poderán facelo no Departamento de Relacións Externas (Planta Baixa) do Centro Comercial Compostela ou no Departamento de Deportes no Estadio de San Lázaro. A vantaxe destes inscritos é que poderán participar no sorteo de bicicletas, cascos, mochilas e outro material relacionado co mundo da bici.

O prazo de inscrición remata o sábado 23 de setembro, ás 22:00 horas. Para os que prefiran apuntarse o mesmo día da carreira, poderano facer ás 10:00 horas, na propia liña de saída, na Rúa do Restollal (fachada principal do Centro Comercial Compostela). Todos os inscritos recibirán un agasallo.

A proba terá a meta na Praza do Obradoiro, a onde se chegará despois de percorrer un bo número de rúas de Compostela. O Departamento de Deportes aconsella o uso do casco e que os participantes non saian dos límites marcados pola organización, así como a atención ás indicacións da Policía Local, de Protección Civil e dos colaboradores do Club Ciclista Compostelán e do Moto Club Compostela.

Os actos deste día foron presentados polo concelleiro de Deportes, Manuel Portas, que tamén anunciou a celebración dunha charla, o venres 22 de setembro, sobre o "Presente e futuro do ciclismo", no Centro Comercial Compostela. Contará coa presenza do corredor profesional David Blanco, do campión de España cadete de fondo en estrada, Pedro Macía, e do director deportivo do Club Ciclista Mobles Compostela, Guillermo Fernández.

Documentos relacionados



Compartir: