CULTURA

Chicharrón e The Partisan Seed tocan na Zona C dentro do ciclo Compostela Rock

15/04/2015 A banda de Carballo Chicharrón, con sons entre o dream-pop, o folk, e a BSO de algún western crepuscular, e os portugueses The Partisan Seed, presentando un estilo libre de composición e interpretación, estarán na Zona C. Será este xoves 16 de abril, ás 20:30 horas, dentro do ciclo Compostela Rock. As entradas teñen un prezo de 6 euros anticipada e 8 euros o día do concerto e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (que abre de 18:00 a 21:00 horas), na Reixa Tenda e tamén na Zona C o día do concerto dende as 19:00 horas.

Chicharrón nace en Carballo a finais de 2013 da man de Alberto Vecino, integrante dos desaparecidos Franc3s, Diego Gende e Rubén Domínguez, pertencente aos extintos Telephones Rouges. En marzo do 2014 entran a gravar o seu primeiro disco no Estudio A Ponte e, en xuño, o colectivo Prenom edítao como primeira referencia do seu selo.

O seu primeiro disco colleita múltiples críticas positivas, sendo radiado integramente no prestixioso programa de Radio 3 Disco Grande, de Julio Ruiz. Presente entre os mellores discos galegos de 2014, o agora quinteto (Xurxo Meis á batería e Mar Catarina ao teclado) está a recorrer todo o país presentando o disco en directo. Os seus concertos son sobre todo, intensos, emocionais, cheos de momentos álxidos pero nos que tamén se deslizan a calma, o suspiro ou o lamento.

Do outro lado da raia, o barcelense Filipe Miranda trae por primeira vez a Compostela o seu proxecto The Partisan Seed, espírito irmán de Chicharrón. Filipe Miranda comeza a súa andadura na música cos xa desaparecidos Kafka, unha das bandas máis prolíficas de Portugal nos anos noventa. En 2005 dá inicio ao seu proxecto persoal, The Partisan Seed, presentando un estilo libre de composición e interpretación, privilexiando as mensaxes das letras, que viven entre o amor e a melancolía.

Tras os seus dous primeiro traballos editados en Portugal, en maio de 2012, The Partisan Seed, presenta o seu terceiro traballo, Spirit walking, co que realiza unha extensa xira que, ademais de Portugal, o leva a visitar varios países de Europa. En 2014, edita o que, ata agora, é o seu último traballo, Angels on the boardwalk recoñecido pola crítica como un dos mellores álbums portugueses do ano 2014.

No directo, The Partisan Seed tira de austeridade para condensar toda a forza expresiva das súas composicións, que apertan ao público en ambientes intimistas e cinéticos, nos que parecemos recorrer unha road-movie interior, mentres a voz do Filipe vai murmurándonos temas como "Ana (Road to Santiago)". Que mellor lugar para cantala?

Compartir: