TURISMO

Arranca o festival Compostela Gastronómica con máis de vinte restaurantes efémeros na nave 5 do Mercado de Abastos

15/04/2015 Este xoves comeza a segunda edición de Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega, que amosará o mellor da oferta gastronómica da cidade ata o próximo martes. O programa desta edición de Compostela Gastronómica conta con múltiples actividades para que todos os afeccionados á cociña poidan descubrir e gozar das variadas opcións gastronómicas que se ofrecen en Santiago.

Gran parte do programa desenvolverase na Aula Gastronómica do Mercado de Abastos, un espazo moderno deseñado para dar cabida a todo tipo de actividades relacionadas coa gastronomía, como obradoiros para nenos e adultos impartidos por destacados cociñeiros e especialistas en diferentes áreas, catas, cursos de análise sensorial, presentacións de novos produtos ou un novo Workshop de Produtores, son algunhas das súas propostas.

Os días 16, 17 e 18 de abril, en horario de 12 a 15 horas, a nave 5 do Mercado de Abastos acollerá ademais o Espazo Gastro, un espazo habilitado especialmente para a ocasión no que máis de 20 restaurantes composteláns e galegos ofrecerán deliciosas receitas de cociña creativa elaboradas con produtos do Mercado de Abastos.

Os establecementos participantes no Espazo Gastro son: A Viñoteca do Mercado, Bagos, A Horta d'Obradoiro, Tapería Castelao, O Ferro, O Celme do Caracol, Los Caracoles, La Cavita, Mesón A Charca, A Quinta da Auga, Quercus IP, A Tafona, Singulario, Resas, Reno, A Curtidoría, Caney e Garum. Como novidade, tamén estarán presentes dous prestixiosos restaurantes da Coruña, Bocanegra e Árbore da Veira. Por último, Estrella Galicia estará tamén no Espazo Gastro do Mercado de Abastos.

Compostela Gastronómica tamén se celebrará en moitos restaurantes de Santiago grazas á ruta "Menús de Mercado", coa que múltiples establecementos ofrecerán creacións especiais elaboradas cos mellores produtos de tempada do Mercado de Abastos a un prezo unitario de 18 euros.

O festival Compostela Gastronómica é unha iniciativa organizada por Turismo de Santiago que conta cun sinal de identidade diferenciado: o produto galego que se pode encontrar no Mercado de Abastos da cidade, centro das actividades do seu programa. Toda a información sobre esta nova edición pode seguirse nas contas de Twitter, Facebook e a través da web www.compostelagastronomica.es.

Documentos relacionados



Compartir: