TURISMO E DEPORTES

A carreira SantYaGo10K mantén o prezo de inscrición a seis euros ata o 26 de abril

14/04/2015 O sábado 9 de maio celebrarase SantYaGo10K, a primeira carreira nocturna de 10 quilómetros de Santiago. O prezo de inscrición será de seis euros ata o domingo 26 de abril, cun desconto especial para todos os abonados ao Multiúsos Fontes do Sar, que poderán inscribirse por só tres euros. A partires do 27 de abril, o prezo de inscrición será de 12 euros para todos os participantes. O prazo de inscrición remata o 3 de maio.

Ata o momento, cando restan aínda máis de tres semanas para a carreira, xa hai máis de 400 persoas inscritas, de toda Galicia pero tamén de diferentes puntos de España. A organización non se fixa un obxectivo concreto de participantes para esta primeira edición. O obxectivo é que todos os participantes, xa sexan atletas populares con anos de experiencia ou novos afeccionados que están descubrindo as múltiples virtudes do running, gocen dunha experiencia única, deportiva e turística.

A liña de saída situarase na avenida de Xoán XXIII, a apenas douscentos metros da praza do Obradoiro. O circuíto de 10 quilómetros pasará por varias das rúas principais do Casco Histórico e do Centro da Cidade. Tamén pasará pola Alameda, onde se poderán contemplar unha das mellores panorámicas do Casco Histórico e da Catedral. A carreira rematará na propia praza do Obradoiro.

SantYaGo10K é unha nova carreira que busca converterse a medio prazo nunha referencia para todos os afeccionados ao running de Galicia e incluso de España. A carreira nace da man do Club de Atletismo Fontes do Sar que, logo de participar en ducias de carreiras en toda España, deseñou unha cita pensando nos corredores populares e tomando os mellores detalles dunha multitude de probas de todo tipo.

SantYaGo10K ten tamén unha vocación solidaria que quere amosar o espírito social e colaborativo dos afeccionados ao running. Todos os participantes na carreira poderán entregar alimentos non perecedoiros no momento de recoller o seu dorsal. Os alimentos que se recollan doaranse ao Albergue Xoán XXIII, proxecto social da Orde dos Franciscanos en Santiago. Ademais, recolleranse todos os tapóns das miles de botellas de avituallamento que se repartiran durante e despois da carreira aos participantes. Estes tapóns destinaranse tamén a colaborar cun proxecto solidario.

A saída será o sábado 9 de maio ás 22:00 horas e estímase o peche da carreira ás 23:30 horas. A data e a hora da carreira están pensadas para incentivar tamén que participantes e os seus amigos e familiares procedentes doutros lugares de Galicia e España poidan pasar unha fin de semana na cidade, unindo deporte e turismo. As inscricións para SantYago10K poden realizarse a través de dúas canles: na páxina web do evento, www.santyago10k.es, ou presencialmente, nas recepcións do Multiúsos Fontes do Sar e do Complexo Deportivo Santa Isabel.

Direcciones relacionadas



Compartir: