ALCALDÍA

Agustín Hernández anima á cidadanía de Compostela a implicarse na I Carreira Solidaria pola Esclerose Múltiple

14/04/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asistiu en Área Central á presentación da I Carreira Solidaria pola Esclerose Múltiple, organizada pola Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM). A proba celebrarase o 26 de abril, a partir das 11:00 horas, no Campus Vida, e a inscrición terá un custo de 5 euros.

Hernández cualificou como "gratificante" a posibilidade de cooperar con esta I Carreira Solidaria pola Esclerose Múltiple, por canto supón "colaborar aos nobres fins da Asociacións Compostelá de Esclerose Múltiple e a facer partícipe á sociedade da problemática deste enfermidade que, a miúdo, chega no mellor momento das persoas e cando menos se espera".

Desexou para a Carreira a mellor das acollidas e que "a cidadanía de Compostela e de Galicia enteira se impliquen nesta iniciativa solidaria e se conciencien de que o seu apoio hoxe vai beneficiar moitas persoas e familiares que loitan contra esta patoloxía e poida que –se non o fai hoxe- algún día nos beneficie a nós mesmos, a familiares ou amigos".

O alcalde aproveitou esta presentación para lembrar que o Concello vén colaborando de forma continuada dende hai anos con ACEM, contribuíndo a axudar no seu funcionamento, nas actividades que celebra –como Día Mundial da enfermidade o 28 de maio- e nas xornadas de sensibilización sobre os efectos nas persoas afectadas, como a celebrada a finais de 2014 na Praza do Obradoiro.

"A propia Corporación Municipal –lembrou- por decisión unánime de todos os grupos representados, acordou cederlle unha parcela para construír un centro social e de rehabilitación e declarou de utilidade pública as súas obras para obter a bonificación no correspondente imposto". "É o menos que se pode facer cunha asociación que traballa de forma denodada ao longo do tempo por facer máis levadeira unha patoloxía complexa e que non ten aínda un tratamento eficaz para unha completa curación", engadiu.

A carreira
A Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (A.C.E.M.), organiza esta I Carreira Solidaria pola Esclerose Múltiple baixo o control técnico da Federación Galega de Atletismo, a través da súa delegación compostelá. A saída e a meta da proba estarán ao carón do estanque da residencia e o percorrido desenvolverase ao longo da Alameda e do Campus.

Poderán participar atletas federados e non federados, establecéndose una categoría absoluta masculina e feminina na que quedarán incluídos os corredores sub-23, sénior e veteranos. Todos eles deberán completar un percorrido de 5 quilómetros. Tamén se establecen as categorías pitufos (2010-actualidade), escolares A (2006-2009), escolares B (2003-2005) e escolares C (1997-2002). Tamén existe a posibilidade de inscrición para todas as idades na modalidade andaina, cuxo percorrido será de só 2,5 quilómetros.

Inscrición e fila 0
A inscrición estará aberta ata o xoves 23 de abril. Poderá realizarse en El Corte Inglés de Santiago de Compostela (sótano 1), na sede de ACEM (Hórreo, 19 - locais 47-48; Teléfonos 981 575 240 e 620 533 471; horario de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas e a través da web da Federación Galega de Atletismo www.carreirasgalegas.com.

A retirada dos dorsais, realizarase nos soportais Colexio Maior San Clemente, o propio día da carreira, entre as 10:00 e 10:45 horas.

Ademais, existe una Fila 0 onde calquera pode realizar o seu donativo: ES13 2100 2186 9702 0035 5317

Vídeo promocional
A presentación da I Carreira Solidaria pola Esclerose Múltiple tamén serviu para dar a coñecer o vídeo promocional da proba no que colaboraron desinteresadamente a actriz Nerea Barros, o Obradoiro, a S.D. Compostela, Verónica Boquete e a Selección Nacional de fútbol feminino, o actor César Goldi e varios membros de ACEM, entre outros.

Compartir: