PARQUES E XARDÍNS

Unha nova fonte para o parque Eugenio Granell

09/04/2005 Os habituais do parque Eugenio Granell atópanse agora no seu percorrido cun novo elemento, unha fonte ornamental que pulveriza a auga e que, pola noite, a grazas á súa iluminación, semella unha esfera de luz.

A fonte, situada na parte baixa do popular parque do Paxonal, tivo como autoridades de excepción para a súa inauguración os perto de 200 cativos e rapaces que o pasado xoves, con motivo da celebración da Día da árbore e da auga, realizaron unha plantación de árbores neste parque.

Na compaña do Alcalde, Sánchez Bugallo, e despois de rematar o seu labor e dar boa conta dun bocadillo para repoñer as forzas, achegáronse ata a fonte para descubrir a placa de inauguración e, de seguido, proceder a probar os chorros de auga que botan as dezaseis toberas de pulverización.

A empresa concesionaria do abastecemento de auga no municipio, Aquagest, patrocinadora dos actos do Día da árbore e do Día da auga quixo facer deste xeito un agasallo especial á cidade.

A fonte está composta por un vaso circular de aceiro inoxidable elevado de dous metros de diámetro, cun colector con 14 toberas de pulverización orientadas cara ao centro, o que permite crear o efecto dunha bola de luz gracias á iluminanación que proporcionan cinco focos dicroicos con pantalla de cor. Este vaso verte cara a outro menor, revestido de pizarra nos seus laterais e por placas de aceiro inoxidable na súa parte superior, no que se recoolen as augas para reconducilas cara ao depósito e reiniciar o ciclo, xa que a fonte funciona en circuito pechado para aforrar auga.

Arredor da fonte unha zona empedrada resgarda a instalación eléctrica e unha pequena boquilla que crea o chorro de auga que, describindo unha parábola duns cinco metros, cae no centro da fonte. A iluminación nocturna resulta chamativa xa que o chorro está iluminado mediante fibra óptica coas cores do arco iris. En caso de forte vento un anemómetro anexo pecha automaticamente o chorro de auga.

Compartir: