DEPORTES

A Cidade da Cultura converteuse esta fin de semana na Cidade do Futsal

12/04/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e a concelleira de Deportes, María Corral, visitaron A Cidade do Futsal, un gran evento deportivo e social que se realizou na Cidade da Cultura esta fin de semana. Celebrouse unha competición de fútbol sala para nenos de 7 a 12 anos, acompañada dunha serie de actividades complementarias, como un parque de lecer, visitas organizadas á exposición Auga Doce, sorteos ou sinatura de autógrafos.

Nesta MiniFutsal Cup participaron todos os clubs e colexios de Santiago de Compostela que practican o fútbol sala. Competiron 74 equipos, divididos en dúas series en función da idade.

A Cidade do Futsal contou con 3.000 metros cadrados de ocio e diversión para toda a familia. En paralelo aos partidos fútbol sala, celebrados en catro pistas de forma simultánea, o resto de nenos e nenas puideron gozar de diversas actividades de lecer na praza central da Cidade da Cultura, como inchables, un futbolín xigante, unha cancha de baloncesto, outra de voleibol, colchonetas xigantes ou un chutódromo, entre outras.

Durante todo o torneo, entregáronse camisetas da empresa patrocinadora, Viaqua, e outros agasallos.

Compartir: