ECONOMÍA

A sétima edición de Getting Contacts ten xa máis de 100 empresas inscritas

12/04/2015 A sétima edición de Getting Contacts, que se celebrará o 23 de abril na Cidade da Cultura, conta xa con máis de 100 empresas inscritas. Getting Contacts ten coma obxectivos fortalecer ás empresas locais e axudar aos emprendedores que están comezando no desenvolvemento do seu proxecto, facilitando os contactos e o networking, xerando novas oportunidades de negocio e abrindo as portas a novas inversións.

A primeira edición en Santiago de Getting Contacts celebrouse en xuño do 2012. Dende entón, máis de 750 persoas teñen participado nas seis edicións deste encontro empresarial. Cunha participación media de 131 persoas por encontro, estes eventos permitiron a realización de máis de 9.000 entrevistas comerciais. A valoración dos eventos estivo en todos os casos por enriba do 8.3 sobre 10 e máis do 80% das persoas asistentes manifestaban en cada evento a súa intención de participar en seguintes convocatorias do mesmo.

Dende o Departamento de Economía considérase que estas cifras de participación avalan o formato de Getting Contacts, no que a organización garante que cada participante poderá entrevistarse cun mínimo de dez persoas con intereses comúns para atopar novos clientes e provedores, novos socios e proxectos, mellorar a súa rede comercial ou atopar potenciais inversores.

A setima edición do encontro comercial Getting Contacts celebrarase na Cidade da Cultura grazas a un convenio de colaboración asinado entre a Fundación Cidade da Cultura e o Concello de Santiago. A inscrición a Getting Contacts é gratuita e pode tramitarse na páxina www.gettingcontacts.com. Nesta web hai que cubrir o formulario de inscrición do xeito máis preciso posible para que se poidan fixar as entrevistas máis interesantes para cada un dos participantes.

Direcciones relacionadas



Compartir: