XUNTA DE GOBERNO

Concello e Colexio de Avogados renovarán o servizo para promover acordos na renovación de alugueres de locais comerciais

10/04/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, anunciou a sinatura dun novo convenio do Concello co Colexio de Avogados de Santiago para renovar o servizo de mediación a través desta entidade, dirixido a comerciantes e propietarios para intentar acadar acordos na renovación dos seus contratos de aluguer. A Xunta de Goberno acordou dedicar 30.000 euros ao servizo durante este exercicio, dando continuidade a convenio no pasado mes de novembro por un importe de 5.000 euros.

"Esta medida trata de incidir na problemática xerada pola Lei de Arrendamentos Urbanos de 1994 sobre os popularmente coñecidos como alugueiros de renda antiga, anteriores a 1984 e que mantiñan o seu contrato prorrogado", explicou o alcalde. Así, esta Lei de 1994 marcaba un prazo de 20 anos, que vencía o pasado 31 de decembro, para a extinción deste tipo de contratos cando eran subscritos por persoas xurídicas, pero para as persoas físicas existe a posibilidade de que o prazo sexa diferente prolongándose ao longo do actual ano 2015.

En palabras de Agustín Hernández, "esta situación afecta de xeito moi especial na cidade aos negocios e comercios da zona histórica e pode ser altamente prexudicial para o futuro desenvolvemento económico, ademais do risco dun despoboamento comercial nese ámbito".

Por este motivo, dixo, para axudar a paliar este efectos negativos para a cidade, promóvese a través do Colexio de Avogados a creación dunha quenda especializada en mediación, especialmente de carácter civil/ mercantil, para prestarlle servizo de asistencia na procura dun acordo de renovación de novos contratos de arrendamento.

Documentos relacionados



Compartir: