ALCALDÍA

"Y se hizo la luz", de Miguel Cerro Rico, gaña a oitava edición do Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados

09/04/2015 Miguel Cerro Rico, de Córdoba, coa obra Y se hizo la luz, é o gañador do VIII Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados. Así o anunciou o alcalde de Santiago, Agustín Hernández, tras a última reunión do xurado. Nesta edición do certame participaron 340 álbums ilustrados procedentes de 20 países.

Esta edición do certame sobresaíu pola variedade dos 340 álbums presentados, procedentes de España, Portugal, Italia, Polonia, Alemaña, Bélxica, Reino Unido, Francia, Holanda, Malta, Arxentina, México, Chile, Estados Unidos, Canadá, Colombia, Brasil, Venezuela, Tailandia e Rusia. Isto dá conta, segundo o alcalde, da consolidación deste Premio e da súa importante dimensión internacional.

O xurado acordou por maioría conceder o VIII Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados á obra Y se hizo la luz, de Miguel Cerro Rico (Córdoba). Na valoración destacouse, dende o punto de vista plástico, "a súa coherencia, o estudo minucioso das personaxes, o colorido e a composición".

Segundo indicou o xurado, "a idea central deste álbum é salientar o valor da solidariedade, daquel que sempre axuda aos demais e que segue crendo no colectivo. Tamén destaca o afán de superación e a procura da felicidade inmaterial". Ademais, o xurado resalta "as diferentes interpretacións que resultan da lectura do texto".

Como finalista quedou a obra Anabela, a pinguim friorenta, de Ana Rita Pinheiro Marques dos Reis, de Tomar (Portugal), un álbum presentado en formato pop-up. O xurado tamén concedeu unha mención especial ao traballo ¿Amigos?, de Anabel Fernández Rey, de Bos Aires (Arxentina).

O xurado estivo composto nesta edición polo ilustrador Federico Delicado, gañador da anterior edición; Victoria Fernández, especialista en crítica de literatura infantil e xuvenil; Gracia Santorum, profesora e especialista en literatura galega; Manuela Rodríguez, en representación de Kalandraka; e Xosé M. Rodríguez-Abella, xefe do Departamento de Educación do Concello. Presidiu a concelleira de Educación, Maite Cancelo, por delegación do alcalde, e actuou como secretaria Beatriz Morales, técnica do Departamento de Educación.

Historia
O Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados é un certame convocado dende 2008 polo Departamento de Educación do Concello de Santiago, en colaboración coa Editorial Kalandraka. A iniciativa xurdiu no marco da Campaña de Animación á Lectura que este departamento municipal vén organizando dende o ano 2001, co obxectivo de enxalzar este xénero literario e artístico, e proxectar internacionalmente o nome da cidade, a través de publicacións de libros de calidade en varias linguas.

Trátase dun dos concursos internacionais con maior dotación económica no seu ámbito de especialización, con 9.000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor, e cun significativo nivel de participación nas oito edicións, ao que se engade o prestixio do xurado que avalía as obras presentadas.

A convocatoria preséntase no último trimestre do ano e o fallo anúnciase en abril coincidindo co mes do libro, durante a Campaña Municipal de Animación á Lectura, para proceder á presentación da obra e á entrega do galardón transcorridos un seis meses, durante os cales se traballa no proceso de edición e produción da obra.

Kalandraka publica a obra premiada nas cinco linguas oficiais peninsulares galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués- así como en inglés. A editorial pode publicar tamén os traballos que reciban unha mención especial.

Compartir: