ALCALDÍA

O alcalde destaca a contribución do escultor Cándido Pazos a "realzar a importancia da cidade e da tradición xacobea"

09/04/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asistiu ao acto de entrega da réplica da Porta Itineris Sancti Iacobi ou Porta de Europa, de Cándido Pazos, á Catedral. A escultura orixinal é a que, dende hai máis dunha década, recibe en San Lázaro aos peregrinos que se achegan a Compostela polo Camiño Francés. O artista realizou unha reprodución en prata e acibeche que agora se exhibirá no Museo da Catedral.

Durante o acto, celebrado no Museo catedralicio, Hernández lembrou que esta escultura fora inaugurada con motivo do Ano Santo de 2004, no mesmo ano no que a ruta xacobea recibía en Oviedo o Premio Príncipe de Asturias de Concordia. A obra de Cándido Pazos, cos seus preto de 17 metros de alto e as 20 figuras de bronce integradas no granito, "é unha alegoría da importancia do Camiño na historia europea e do labor de promoción e difusión levado a cabo ao longo de preto de 12 séculos por relevantes personalidades, dende o bispo Teodomiro –en tempos da descuberta do sepulcro do Apóstolo- ata o Papa Xoán Paulo II, dúas veces peregrino a Compostela na década de 1980", indicou.

Ao autor da Porta de Europa, Cándido Pazos, o alcalde cualificouno como "artista polifacético, namorado da súa Compostela natal e de Galicia". Escultor, ilustrador, deseñador de xardíns ou cultivador de camelias, practicamente todas as súas actividades foron recoñecidas con importantes distincións e encargos, recordou.

En Santiago, ademais da Porta de Europa, é autor da escultura do Papa Bieito XVI no parque das Cancelas e da Fonte da Peregrina no Monte do Gozo. Por todas estas creacións, o alcalde quixo felicitar a "este gran artista compostelán, que dende a súa actual residencia nas terras da Ulla, segue creando e facéndonos partícipes da súa mestría e do seu amor por Compostela, contribuíndo el tamén coa súa obra a realzar a importancia da cidade e da tradición xacobea".

Compartir: