ALCALDÍA

Hernández salienta que a nova figura de San Francisco realizada por Lladró conxuga as dimensións artística e social do Santo de Asís

07/04/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asistiu á presentación da nova figura de San Francisco de Asís realizada por Lladró e distribuída por Xoiería Regueira con motivo do oitavo centenario da súa peregrinación a Compostela. O convento de San Francisco acolleu a posta de longo desta peza de porcelana, que ademais ten un obxectivo benéfico, xa que o recadado durante un ano coas vendas desta imaxe será destinado ao Albergue Xoán XXIII e a Cáritas.

Hernández destacou que esta presentación da figura de porcelana de Lladró dedicada ao Santo de Asís "nos permite comprobar a pegada da súa vida e da súa obra á hora de inspirar novas creacións artísticas ou no labor de axuda e atención aos demais". Nesta peza, dixo, "conxúganse esas dúas dimensións: a artística e a social, o que a convirte nunha mostra de arte solidaria que vai a beneficiar a dúas entidades emblemáticas da nosa cidade, como son o albergue do convento de San Francisco e Cáritas de Santiago", as cales "manteñen vixente o legado de humildade e de servizo aos demais que nos deixou o Santo de Asís.

O alcalde valorou esta "feliz iniciativa", que vén a sumarse aos actos en memoria do oitavo centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela e "dota dun significado especial a esta figura".

Compartir: