CULTURA

O Retrete de Dorian Gray estrea "In Memoriam" e A Artística presenta a súa triloxía na Zona C neste mes de abril

07/04/2015 A Zona C acollerá neste mes de abril, e dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués, a triloxía da compañía A Artística de Vigo e a estrea de In memoriam, de O Retrete de Dorian Gray. Os catro espectáculos foron presentados esta polo director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, acompañado de Alfredo Rodríguez, director da triloxía de A Artística, e de Xesús Ron, director de In memoriam, así como dos dous actores deste espectáculo: Ezra Moreno e Marcos PTT Carballido.

Tres pezas , tres propostas, tres estruturas escénicas, que enchen un espazo, para deixar unha pegada nova. Enfrontadas ante outra relación posible e aberta co espectador-público. Iso é o que nos ofrece a compañía viguesa A Artística os días 10, 11 e 12 de abril na Zona C.

Comezamos con Arquitectura da emoción o venres 10 de abril ás 20:30 horas. Trátase dunha invitación a reflexionar sobre os sentimentos: Onde nacen? Como é a súa expresión e o seu almacenamento? Arquivamos os sentimentos no espazo propio e proxectámolos no espazo habitado. Despois teremos o sábado 11, tamén ás 20:30 horas, Illas Atlánticas, unha viaxe íntima como pesquisa sobre a situación propia nun hoxe calquera e a busca do espazo onde reside a máis vella sensualidade. Esta viaxe aséntase sobre un solo monologado e outro solo de danza.

Péchase a triloxía con Verde a tempo completo, espectáculo que tamén se enmarca dentro do ciclo Danza e que será domingo 12 de abril ás 19:30 horas. Verde a tempo completo pregúntase sobre a relación entre o espectáculo e o público, a sacralización da mensaxe e a ritualización do espectáculo como mercadoría dentro dun contexto arquitectónico que determina esa relación entre o obxecto artístico e o ollo que o ve.

O prezo para cada un dos espectáculos é de 8 euros e hai un abono para entrar aos tres a un prezo de 18 euros. Ademais, están enmarcados dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués. As entradas poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas), ou na Zona c dende unha hora antes de que comece a función.

In Memoriam do 22 ao 26 de abril
In Memoriam é o novo espectáculo de O retrete de Dorian Gray e poderá verse do mércores 22 ao domingo 26 de abril ás 20:30 horas (agás domingo, que será ás 19:30 horas). Dirixido por XRON, está protagonizado por Ezra Moreno e Marcos PTT Carballido, con iluminación de Fidel Vázquez e produción de Belem Brandido.

"Coñeza a Percival. Ou o que queda del. Un feixe de recordos, un fato de fotos. Vexa unha serie de calamitosos esforzos para deixar de non ser, para frear o inevitable paso do tempo. En fin, todos os ingredientes dunha boa comedia. O Retrete de Dorian Gray estrea a súa nova peza de longa duración, un espectáculo en dúas dimensións. Aprópianse das imaxes de persoas que viviron hai máis de cen anos para darlles una nova vida coas mans. Fotos animadas, bailadas, vivindo momentos que nunca viviron e facendo cousas que nunca se atreveron a facer, ou quizais si?"

As entradas teñen un prezo de 8 euros (6 euros o mércores, día do espectador) e tamén están enmarcadas dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués.

Compartir: