TURISMO

A televisiva Churra Costa conduce o obradoiro "Merco, cociño e como con..." en Compostela Gastronómica

04/04/2015 O obradoiro "Merco, cociño e como con..." abrirá o programa de actividades da nova edición de Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega. O xoves 16 de abril, de 11:30 a 14:00 horas, e xunto á televisiva Churra Costa, os participantes farán un percorrido e comprarán diversos produtos no Mercado de Abastos de Santiago, para despois cociñar e finalmente degustar varias receitas tradicionais da cultura gastronómica galega. Pratos cotiáns, pero cunha historia especial que Churra descubrirá ao longo deste singular curso de cociña.

A cociña forma parte da vida da compostelá Churra Costa, ama de casa e veterana concursante de Masterchef 2, espazo no que conquistou a audiencia de todo o país pola súa gran naturalidade e simpatía. Actualmente é colaboradora habitual da sección de cociña do programa Sopa de Festa, na Televisión de Galicia.

Chesf locais, galegos e nacionais completan un programa para todos os públicos
O recoñecido chef Pepe Solla impartirá un obradoiro sobre conservas e os seus líquidos de cobertura, explorando as súas diferentes posibilidades na alta cociña mediante receitas divertidas, doadas e saborosas. Víctor Gutiérrez, chef peruano posuidor dunha estrela Michelin, protagonizará un obradoiro no que elaborará pratos típicos do seu país de orixe como o ceviche, pero utilizando como base produto galego.

A confluencia entre a cociña leonesa e galega será a temática do obradoiro a cargo de Yolanda León, de Cocinandos. O galo celta será o produto galego protagonista do obradoiro impartido polo recoñecido chef asturiano Nacho Manzano, con 2 estrelas Michelin. Pola súa banda, Iván Domínguez, director gastronómico do Grupo Alborada Hostalería, falaranos sobre o produto autóctono e de tempada.

Os cociñeiros composteláns tamén terán un importante protagonismo no evento, con obradoiros abertos ao público. Pedro Sestayo, gañador do Campionato Galego de Coctelería 2014, e Lucía Freitas, do restaurante A Tafona, de Santiago, impartirán un obradoiro no que cócteles e sobremesas van da man.

Grazas a unha cata guiada polo experimentado barista Óscar de Toro aprenderemos a identificar as propiedades máis características do café. E Marcos Cerqueiro, pola súa banda, expoñerá de forma amena e divertida a problemática dos idiomas nos restaurantes, ao tempo que mostrará pratos en cociña miúda con moluscos baixo a liña do innovador Abastos 2.0.

Os propietarios de tres dos restaurantes máis recoñecidos de Santiago, Manuel García, de El Quijote; Pepe Mata, de El Mesón de Lázaro; e Juan Pablo Pérez, de La Tacita de Juan, compartirán connosco a súa visión da gastronomía compostelá. Os chefs locais Alén Tarrío e José Antonio Brenlla, xunto con Gloria Costa, praceira e xerente de Carnes Muñico, do Mercado de Abastos de Santiago, falarannos sobre a vaca galega.

Os nenos tamén poderán gozar en Compostela Gastronómica de divertidos obradoiros durante toda unha fin de semana. O sábado 19 aprenderán a elaborar un almorzo rico, variado, nutritivo e orixinal co que sorprenderán as súas mamás o próximo 3 de maio, Día da Nai. O domingo 20, e da man de Diego Mosquera, poderán aprender a preparar saborosos cócteles sen alcohol para despois degustalos en aperitivos, sobremesas ou merendas e converterse nuns auténticos mini bartenders. Tamén gozarán dun obradoiro para elaborar pizzas con verduras e hortalizas frescas de tempada.

Compostela Gastronómica é unha iniciativa organizada dende setembro de 2014 polo Concello de Santiago. Toda a información sobre esta nova edición pode seguirse nas contas de Twitter, Facebook e a través da web www.compostelagastronomica.es.

Compartir: