TURISMO

Compostela Gastronómica promociónase internacionalmente con #ComposGastroOnTheRoad

02/04/2015 Compostela Gastronómica celebra unha nova edición do 16 ao 21 de abril. Unha das novidades desta entrega do Festival da Cociña Galega, titulada Compos Gastro On The Road, consiste en que xente de calquera parte do mundo comparta nas redes sociais unha fotografía co logo do festival. Restaurantes de prestixio, lugares emblemáticos de cada país ou espazos cotiáns, calquera lugar é válido para amosar o apoio á gastronomía galega dun xeito desenfadado.

Tras sacarse unha foto, sos ou con amigos, na que se vexa o logotipo de Compostela Gastronómica, os participantes poderán subila a Twitter, Instagram ou Facebook co hashtag #ComposGastroOnTheRoad. Dende a organización darase difusión a todas as imaxes recibidas, coas que se confeccionará unha collage ao termo do festival.

O obxectivo desta novidosa proposta é facer que todos aqueles que o desexen poidan converterse en "embaixadores" da gastronomía galega e amosar o seu apoio público ao festival que a promove. Ao tratarse dunha iniciativa sen data de finalización, conséguese que Compostela Gastronómica siga viva aínda cando a programación remate, servindo de ponte entre unha edición e a seguinte.

Ata o momento, a iniciativa xa recibiu o cariño e apoio de persoas dende 15 cidades, 8 países e 4 continentes. Fotografías co logo de Compostela Gastronómica tomadas nas cidades españolas de León, Granada, Barcelona e Ceuta, pero tamén en Colmar Alsacia (Francia), Venecia, Roma (Italia), Manchester (Reino Unido), Friburgo (Suíza), Riga (Letonia), New York, Disney World Florida (EUA), Bos Aires (Arxentina) e mesmo dende a Gran Muralla (China).

En YouTube pode verse un vídeo no que se explica a nova proposta. As redes sociais Instagram e Twitter contan xa con numerosas achegas dos máis diversos lugares.

Compostela Gastronómica é unha iniciativa organizada dende setembro de 2014 polo Concello de Santiago. Toda a información sobre esta nova edición pode seguirse nas contas de Twitter, Facebook e a través da web www.compostelagastronomica.es.

Compartir: