TURISMO

Turismo de Santiago renova a web de promoción da cidade co obxectivo de superar o millón de usuarios neste ano 2015

01/04/2015 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, presentou a nova versión da páxina web de Turismo de Santiago, www.santiagoturismo.com, principal ferramenta de promoción turística da cidade a través de Internet. Reyes Leis apuntou que o obxectivo desta renovación da web era adaptala ás novas posibilidades tecnolóxicas e as novas demandas dos usuarios, co obxectivo de superar por primeira vez o millón de usuarios únicos anuais.

A anterior versión da www.santiagoturismo.com databa de outubro do 2010. Despois de catro anos, esta versión estaba quedando desfasada ante o avance constantes das novas tecnoloxías e os cambios dos usuarios de Internet e dispositivos móbiles, polo que dende a entidade de promoción turística municipal se decidiu levar a cabo unha actualización da web que puidese prestar un mellor servizo aos potenciais visitantes da cidade. A nova versión da web introduce cambios en tres niveis distintos: deseño, contido e código.

A nivel de deseño destacan as seguintes actualizacións: redeseño gráfico completo, priorizando a limpeza e claridade de elementos, lexibilidade, accesibilidade e novas resolucións de pantalla; organización máis efectiva de contidos en portada, con espazos promocionais controlados polo xestor de contidos; maior lucimento das imaxes, coa utilización de vídeos .h264 para encabezados de determinadas seccións e ampliación xeral do tamaño de imaxes, en sintonía coas resolucións de pantalla actuais; deseño adaptado a móbiles e tabletas, que constitúen xa máis do 50% dos dispositivos de acceso á Rede.

A nivel contido destacan: actualización e limpeza de información en desuso u obsoleta; priorización dos contidos máis útiles e consultados en portada; simplificación da zona profesional; ampliación do número de materiais descargables e dispoñibles para impresión desde a web, co gallo de recortar os envíos físicos de material.

A nivel código, destacan: engadido de funcións jquery para superficies táctiles; actualización do código fonte. HTML5/CSS3 estándar; actualización de librerías javascript e redución do seu peso; mellora nas ferramentas de compartir en redes sociais; e correccións a nivel SEO (Search Engine Optimization) para lograr un mellor posicionamiento en buscadores.

A anterior versión da web presentouse en outubro de 2010. Nestes anos houbo un crecemento moi importante no número de usuarios da web e de páxinas vistas, nun claro exemplo da importancia crecente que ten Internet para a promoción turística dun destino. No ano 2011, a web de Turismo de Santiago tivo 261.211 usuarios únicos, que xeraron 2.578.790 páxinas vistas. Nestes anos estas cifras creceron dun xeito relevante ata chegar aos 874.663 usuarios, que visitaron un total de 4.312.259 páxinas.

Documentos relacionados



Compartir: