LIMPEZA

A nova Ordenanza de Recollida de Residuos e Limpeza Viaria incrementará as sancións para aqueles que deterioren a calidade de vida dos cidadáns

18/09/2006 A Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto da Ordenanza de Recollida de Residuos e Limpeza Viaria, que responde pretende responder ás novas demandas que nesta materia ten a cidade. En especial, destaca o aumento significativo das sancións para aqueles que ensuxen a cidade ou realicen botellóns, entre outras infraccións nun intento de que sirvan como medida disuasoria.

A nova Ordenanza substituirá á vixente na actualidade de 1989 e adáptase a unha "realidade social que cambiou dende entón", segundo sinala a concelleira de Medio Ambiente e Limpeza, Marta Álvarez-Santullano. A norma recolle na súa primeira parte toda a normativa de recollida selectiva de residuos, facilitando que o cidadán poida coñecer os horarios de recollida e as súas distintas modalidades (orgánicos, papel-cartón, vidro, envases e pilas). En particular, a concelleira lembrou que, en Compostela, funciona a recollida de voluminosos de luns a sábado, cando noutros lugares so se realiza unha vez á semana ou cada quince días.

No capítulo da limpeza dos terreos de propiedade privada, a principal novidade da Ordenanza é que se inclúe a limpeza das zonas próximas ás masas forestais. En concreto, os propietarios das fincas teñen a obriga de asegurar que as masas forestais e os terreos colindantes ás mesmas estean libres de vexetación na franxa de protección, que está fixada pola Xunta en 25 metros. Doutro xeito, o Concello estará facultado para facer esa limpeza de forma subsidiaria e para reverter no propietario o custo desas tarefas de limpeza.

Resposta ao problema do botellón

Outro dos temas de actualidade ao que dá resposta a norma é o do botellón. Así, queda prohibido o consumo de bebidas na vía pública, así como a venda en espazos públicos. O voceiro do grupo de goberno, Francisco Candela, apuntou que se trata de facer fronte "ao deterioro da calidade de vida dos cidadáns producida por este fenómeno, en consonancia coa norma estatal de Sanidade que prohibirá este tipo de prácticas". Para este fin, potenciarase o servizo de inspección medioambiental e a coordinación coa Policía Local para así "reconducir" este fenómeno.

Especialmente, preténdese atallar esta práctica cando o consumo poida facerse de forma masiva por grupos de cidadáns ou fomente a aglomeración destes, e cando poida deterioro a tranquilidade do entorno ou provocar situación de insalubridade. Este tipo de condutas estarán sancionadas con multas de 100 a 750 euros, en función das molestias producidas e do espazo en que se realicen.

Tamén queda prohibido facer necesidades fisiolóxicas en calquera espazo público, especialmente cando teña lugar en lugares de con presenza de persoas ou en monumentos ou edificios ou espazos protexidos. As sancións nestes supostos irán neste caso dos 100 aos 750 euros.

Finalmente, a Ordenanza actualiza e incrementa as sancións polas accións ou omisións respecto á mesma. As infraccións leves estarán sancionadas con multas de ata 750 euros, as graves con multas de ata 1.500 euros e as moi graves con multas de ata 3.000 euros.

Esta norma pasará esta mesma semana pola Comisión Informativa de Servizos. Posteriormente, o xoves 20, levarase ao Pleno para a súa aprobación provisional, trala cal haberá un período de exposición pública de 30 días. Entón volverá ao Pleno para a súa aprobación definitiva. Marta Álvarez-Santullano manifestou a súa confianza en que esta ordenanza sexa aprobada por unanimidade polos tres grupos municipais.

Compartir: