TURISMO

Compostela Gastronómica abre o prazo de inscrición nos seus obradoiros

30/03/2015 Santiago celebra do 16 ao 21 de abril a segunda edición de Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega, cun completo programa de actividades para público xeral e profesionais da hostalaría. Os interesados en participar poden facer a súa inscrición a través da web www.compostelagastronomica.es ou ben achegándose á oficina central de Turismo de Santiago situada na rúa do Vilar.

Nesta edición de Compostela Gastronómica participan profesionais e cociñeiros locais, galegos e do resto de España, que compartirán as súas experiencias en diversos obradoiros desenvolvidos na Aula Gastronómica do Mercado de Abastos.

Pedro Sestayo, gañador do Campionato Galego de Coctelería 2014, e Lucía Freitas, do restaurante A Tafona, de Santiago, impartirán un obradoiro no que cócteles e sobremesas van da man. Kike Piñeiro e Eloy Cancela protagonizarán un obradoiro sobre "Aires novos en Compostela". Yayo e Esther Daporta falarán sobre as ostras, un dos mariscos que máis exportamos en Galicia e que encontra a súa perfecta harmonía nos nosos excelentes brancos galegos.

O chef lalinense Diego López, "Moli", elaborará en directo un dos seus pratos nos que combina vangarda e tradición. Grazas a unha cata guiada polo experimentado barista Óscar de Toro aprenderemos a identificar as propiedades máis características do café. E Marcos Cerqueiro, pola súa banda, exporá de forma amena e divertida a problemática dos idiomas nos restaurantes, ao tempo que mostrará pratos en cociña miúda con moluscos baixo a liña do Abastos 2.0.

Os propietarios de tres dos restaurantes máis recoñecidos de Santiago, Manuel García, de El Quijote; Pepe Mata, de El Mesón de Lázaro; e Juan Pablo Pérez, de La Tacita de Juan, compartirán a súa visión da gastronomía compostelá. Os chefs locais Alén Tarrío e José Antonio Brenlla, xunto con Gloria Costa, praceira e xerente de Carnes Muñico do Mercado de Abastos de Santiago, falarán sobre a vaca galega. Ademais, o prestixioso chef Pepe Solla impartirá un obradoiro sobre conservas e os seus líquidos de cobertura, explorando as súas diferentes posibilidades na alta cociña mediante receitas divertidas, doadas e saborosas.

Víctor Gutiérrez, chef peruano posuidor dunha estrela Michelin, protagonizará un obradoiro no que elaborará pratos típicos do seu país de orixe como o ceviche, pero utilizando como base produto galego. A confluencia entre a cociña leonesa e galega será a temática do obradoiro a cargo de Yolanda León, de Cocinandos. O galo celta será o produto galego protagonista do obradoiro impartido polo recoñecido chef asturiano Nacho Manzano, con 2 estrelas Michelin. Pola súa banda, Iván Domínguez, director gastronómico do Grupo Alborada Hostalaría, na Coruña, falaranos sobre o produto autóctono e de tempada.

Obradoiros de viño e catas
No apartado de viños, Mariano Fisac, autor do recentemente publicado libro Galicia entre copas, realizará unha cata ás cegas e falará acerca de como internet e as redes sociais inflúen na comunicación en torno ao mundo do viño. Nun obradoiro práctico, a cargo da sumiller Eva Pizarro, aprenderemos como deseñar unha carta de viños acorde ao noso establecemento e a importancia da xestión de adega para o profesional da restauración. Por último, o xornalista gastronómico andaluz Pepe Ferrer ofrecerá unha cata comparativa de viños galegos e viños de Xerez.

Monográficos de pan e tapas
Nesta edición, Compostela Gastronómica inclúe na tarde do domingo 19 un monográfico dedicado ao pan, un produto tan fundamental como tradicional na nosa gastronomía. Eladio Pazos, da Panadaría Divina, e o chef Iago Castrillón impartirán un obradoiro práctico para que pais e fillos compartan a experiencia de facer pan en familia e poidan divertirse xuntos recuperando a tradición de elaborar este produto de forma caseira. O artesán Guillermo Moscoso, de Pan da Moa, ofrecerá ademais un relatorio sobre masas hidratadas con tempos de fermentado prolongado e a utilización de masas nai naturais.

A tarde do martes día 21 de abril estará dedicada á tapa. Baixo o título "Descubrir Galicia en pequenos bocados", ofrecerase unha sesión continua destes bocados de pequeno formato a cargo de dous locais referentes en Santiago nesta materia, La Bodeguilla e Tapería Castelao, e dous dos gañadores dos diferentes concursos de tapas de Galicia, Moncho Bargo, do restaurante Spoom da Coruña, e José Luis Fernández, do Tapa Negra de Ourense.

Cociña para nenos
Os nenos poderán gozar en Compostela Gastronómica de divertidos obradoiros durante toda unha fin de semana. O sábado día 19 aprenderán a elaborar un almorzo rico, variado, nutritivo e orixinal co que sorprenderán as súas mamás o próximo 3 de maio, Día da Nai. O domingo 20, e da man de Diego Mosquera, poderán aprender a preparar saborosos cócteles sen alcohol para despois degustalos en aperitivos, sobremesas ou merendas e converterse nuns auténticos mini bartenders. Tamén gozarán dun obradoiro para elaborar pizzas con verduras e hortalizas frescas de tempada.

Compostela Gastronómica é unha iniciativa organizada dende setembro de 2014 polo Concello de Santiago, a través de Turismo de Santiago. Toda a información sobre esta nova edición pode seguirse nas contas de Twitter, Facebook e a través da web www.compostelagastronomica.es.

Compartir: