CURTOCIRCUÍTO

Unhas 300 persoas asistiron na Praza de Abastos á proxección das mellores curtas galegas de 2005

15/09/2006 A Praza de Abastos goreceu da choiva aos asistentes á proxección das mellores curtas de galegas de 2005. A novena proxección semanal de CurtoCircuíto na Rúa, comezou coa música de Dj Mestre Pi, que abriu a noite cunha sesión pre-curtas co mellor do rap, do hip-hop e clásicos de artistas estatais e internacionais do xénero, reunindo a varios incondicionais arredor da súa mesa.

A proxección, que nun comezo ía ser no Parque de Belvís, trasladouse, ante a previsión de choiva, á Praza de Abastos. Contou cunhas 300 persoas para ver as mellores curtas galegas producidas en 2005.

Só quedan dúas citas máis con CurtoCircuíto na Rúa, esta sección do Festival Internacional de Curtametraxes de Compostela, CurtoCircuíto’06, que remata o xoves 28 de setembro cunha noite dedicada a Chano Piñeiro. Logo virá un mes de outubro acugulado de cousas novas en CurtoCircuíto; coa celebración do festival en si, do I Mercado Internacional da Curtametraxe e das actividades de formación e obradoiros.

Compartir: