CULTURA

Joan Baez, Oneida, People of the North, Farniente, Moonspell e Septic Flesh, en concerto en Compostela

27/03/2015 Esta fin de semana vén cargada de música en Compostela. Ademais de toda a programación do Festival de Músicas Contemplativas, teremos outras propostas nos ciclos Sons’15 e Compostela Rock. Sábado poderemos escoitar por primeira vez na cidade á raíña da canción protesta, Joan Baez, ás 20:30 horas no pazo de Congresos, dentro de Sons’15, e Compostela Rock ofrece o Triciclo 7 con Oneida, People of the North e Farniente. Será á mesma hora pero na Fundación SGAE. E tamén co Compostela Rock teremos na xornada do domingo un especial de metal con Moonspell e Septic Flesh. A partir das 19:00 horas na Sala Capitol.

A cantante estadounidense de música folk Joan Baez é coñecida como "A raíña da canción protesta" ou "a madriña do folk". Recibiu innumerables premios e recoñecementos (oito discos de Ouro, Grammy honorífico pola súa traxectoria xunto a outros sete nomeamentos, o International Achievement Award, etc…) por unha carreira sólida e coherente. Caracterizada por unha voz potente, aguda, próxima á dunha soprano, Joan Baez é a máxima figura da canción protesta xurdida nos anos sesenta, á calor da Guerra de Vietnam. O seu repertorio abarca tamén o puramente tradicional, o country e o pop-rock.

Triciclo 7 na Fundación SGAE
Os neoiorquinos Oneida son quen de concentrar en tres minutos a discografía de Neu!, facer concertos de dez horas (Ocropolis) ou gravar un álbum de drons sen saber quen fixo que. Farniente é un dúo de electrónica e rock formado por dous pesos pesados dentro do underground nacional. E de Brooklyn chega a psicodelia minimal de People of the North. Estará tamén Farniente, un dúo que provén de bandas tan necesarias coma Lüger ou Schwarz.

Noite metal na Capitol
O concerto dunha das bandas portuguesas máis grandes dentro do metal. Eses son Moonspell, que presentan novo disco, Extinct, e ademais virán acompañados dos gregos Septic Flesh, que son xa un referente a nivel mundial dentro do metal sinfónico, xa que os seus dous últimos discos foron gravados coa orquestra de Praga.

Compartir: