DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

Santiago súmase á Hora do Planeta

27/03/2015 Como xa vén sendo habitual nos últimos anos, a última fin de semana do mes de marzo celébrase a Hora do Planeta ou Earth Hour, impulsada polo World Wide Fund for Nature (WWF) a nivel mundial. Santiago de Compostela volverá a sumarse a esta cita.

Este evento simbólico consiste nun apagamento eléctrico voluntario, no que se pide tanto a fogares coma a empresas que apaguen as luces e demais aparellos eléctricos durante unha hora. A finalidade da Hora do Planeta é tratar de concienciar á sociedade da necesidade de adoptar medidas fronte ao cambio climático antropoxénico e as emisións contaminantes, así como aforrar enerxía e diminuír a contaminación lumínica.

A Hora do Planeta 2015 será unha chamada á acción organizada para demostrar que, actuando xuntos, todos somos parte da solución ao cambio climático. O WWF pretende implicar a máis de mil millóns de persoas e mobilizar a 7.000 cidades de 150 países para demostrar o apoio global á acción contra o cambio climático, apagando as luces dos seus principais edificios e monumentos.

Esta actuación pretende contribuír a evitar que o planeta aumente a súa temperatura ata un punto en que se produzan danos irreversibles para a
natureza, a economía e a saúde de todos.

O Concello de Santiago vén de dar unha serie de pasos encamiñados á dirixir á cidade cara a unha serie de obxectivos relativos á eficiencia enerxética e sostible entre os que se atopan a adhesión á RECI e Red Innpulso, a realización dun plan director de sostibilidade e eficiencia enerxética, a realización dunha auditoría de eficiencia enerxética de alumeado público, a renovación das instalacións en edificios municipais, a instalación de reloxos solares, a renovación de luminarias ou a implementación de tecnoloxía LED.

Como proba do seu férreo compromiso coa redución de CO2, o Concello renova a súa adhesión á Hora do Planeta procedendo a apagar as luces da praza do Obradoiro e a iluminación exterior da Catedral de Santiago este sábado día 28 de marzo entre as 20:30 e as 21:30 horas.

Compartir: