CENTROS SOCIOCULTURAIS

Ábrese a inscrición na excursión a Portugal prevista para o domingo 19 de abril

27/03/2015 A Concellería de Cultura continúa desenvolvendo o programa Imos de excursión 2015, que oferta viaxes e saídas promovidas desde os centros socioculturais. Nesta ocasión, organiza unha excursión dun día ao Portugal da Limia, que terá lugar o domingo 19 de abril.

A excursión contempla un percorrido guiado por terras de Portugal -Guimarães e Braga- con guía local en Braga que achegará aos participantes a coñecer a antiga capital lusa.

O percorrido iniciarase coa visita á vila de Guimarães, coñecida como o berce de Portugal, unha cómoda cidade de pouco máis de 20.000 habitantes, que soubo conxugar os vestixios medievais con fermosas avenidas de carácter barroco e algúns barrios residenciais amables e tranquilos, como case todo en Portugal. Os excursionista poderán pasear pola vila e visitar e contemplar oo Castelo e a Igrexa de San Miguel, ademais de degustar un xantar típico portugués.

Pola tarde visitarase a relixiosa vila de Braga, famosa polos numerosos conventos, mosteiros e igrexas que amosan a longa historia cultural desta cidade, unha das máis fermosas de Portugal, destacando a súa Catedral. Tamén se fará unha parada nos xardíns de Santa Bárbara, no Arco da Porta Nova, no Pazo do Raio e na Torre da Homenaxe.

O prezo desta excursión é de 32 euros por persoa, que inclúen transporte, xantar, seguro e guías.

Os interesados poderán inscribirse dende o martes 31 de marzo a partir das 17:00 horas nos centros socioculturais.

A próxima actividade do programa Imos de excursión 2015 será unha viaxe á Serena Estremeña entre o 1 e o 3 de maio. Visitarase Mérida e A Serena. Xa o domingo 24 de maio, nova excursión, desta vez por terras de Mugardos, visitando Ares, Redes e Mugardos.

Documentos relacionados



Compartir: