CASCO HISTÓRICO

Gran aceptación dos programas de Rehabilitación postos en marcha no verán

15/09/2006 O éxito dos programas de Edificios Tutelados e de Mantemento de Edificios avalan o traballo das Oficinas de Rehabilitación e Casco Histórico do Concello e do Consorcio da Cidade de Santiago.

Desde que saíu a convocatoria para o Programa de Edificios Tutelados, o pasado 10 de agosto, son xa catro os propietarios de edificios do casco histórico de Santiago que solicitaron entrar neste plan, único en España, e que estará en vigor ata o 10 de outubro. Trátase dun programa de rehabilitación totalmente de balde, cuxa única condición consiste en que os propietarios ceden o seu uso para aluguer durante doce anos. Ao final dese prazo, recuperan a propiedade libre de cargas.

O financiamento das obras do Programa de Edificios Tutelados corresponde ao Consorcio, que achega un 60% do custo a fondo perdido, e a Emuvissa, que achega o 40% restante, amortizable co aluguer dos pisos. Este aluguer estará nun nivel similar ao das vivendas protexidas, con prezos moi inferiores aos que establece o mercado libre. O investimento das obras é duns 42.000 euros.

A concelleira de Rehabilitación e Casco Histórico, Mercedes Rosón, asegura que este programa vai permitir que un número importante de pisos baleiros sexan habitables, polo que vai máis alá da mera política de rehabilitación, fomentando o aluguer a baixo custo e a recuperación de inmobles ruinosos ou desocupados, moitos deles con problemas hereditarios ou con escasos recursos para a súa restauración.

Trinta e seis solicitudes para rehabilitar elementos singulares

En menos dun mes, a Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico recolleu trinta e seis solicitudes para a primeira convocatoria do programa de Mantemento de edificios.

Nesta convocatoria, o programa centrouse na intervención de ventás e galerías de madeira, aínda que nalgúns casos se estende á envolvente exterior dos edificios, medianeiras, portais e escaleiras interiores, ademais doutros elementos singulares catalogados para os que se solicitan as axudas. Destacan edificios situados nas rúas do Vilar, San Clemente, Raíña, Xelmírez, Raxoi, Porta da Pena, Franco, Caldereiría, San Pedro, Algalia de Arriba e Castrón Douro, entre outras.

As axudas para o programa de mantemento acadan ata o 50% do custo das obras, librando o Consorcio a subvención a medida que se vai executando o calendario das obras definidas. O procedemento para a súa solicitude é similar ao das axudas para a rehabilitación de vivendas e locais comerciais do Casco Histórico. Pero a iniciativa non ten nada que ver cos programas ordinarios, que xa contan cos recursos correspondentes.

Trátase dun programa específico, financiado polo Consorcio. Non se trata de grandes intervencións, senón de pequenos traballos de mantemento, aínda que hai, por exemplo, galerías de madeira que poden acadar ata 6.000 euros de custo de intervención. O programa, que parte cunha dotación inicial de 200.000 euros, desenvolverase ao longo dos próximos catro anos, aínda que ten vocación de perdurabilidade á vista da inicial acollida destas axudas. Unhas axudas que son independentes dos programas ordinarios de rehabilitación de vivendas e locais comerciais que xa teñen garantido o seu financiamento ata o ano 2008.

Compartir: