EDUCACIÓN

A Concellería de Educación presenta "Comigo, contas. Debuxa comigo! Postais para a esperanza"

27/03/2015 A concelleira de Educación, Maite Cancelo, presentou no colexio Monte dos Postes a iniciativa Comigo, contas. Debuxa Comigo! Postais para a esperanza. Trátase dun proxecto, promovido polo seu Departamento en colaboración coa Asociación Cultural Confraría de Estudantes de Santiago de Compostela e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, que pretende concienciar aos máis pequenos dos problemas reais que moitas persoas padecen na actualidade e amosarlles cómo "Podemos facer moito con moi pouco", como di o lema desta actividade.

Para facelo realizarase un pequeno símil entre a paixón da Semana Santa e a paixón que viven aqueles que padecen nas súas carnes os males de cada día: o desemprego, a falta de alimentos, a enfermidade, a marxinación ou a discriminación, xa que eles son os que conforman o verdadeiro Vía Crucis do século XXI.

Postais para a esperanza é nun concurso, dirixido aos escolares da cidade, no que os nenos e nenas deben debuxar nunha postal, facilitada pola organización, unha escena de paixón actual que ten que estar acompañada dun hashtag que transmita unha posible solución ante ese problema.

A técnica de elaboración dos debuxos é libre, pero debe ser manual.

O xurado, composto por un profesor de cada centro escolar que participe, tres membros da organización e unha persoa de cada unha das empresas patrocinadoras, elixirá as tres mellores composicións de debuxo e hashtag que serán premiadas, respectivamente, cun trofeo, cunha medalla e cun diploma conmemorativo.

Por cada postal que se debuxe -está previsto que se repartan 1.000 polos diferentes colexios que participan- a organización sufragará unha comida para unha persoa necesitada na Cociña Económica de Santiago de Compostela.

Vive a paixón en galego
Esta mañá tamén se presentou o concurso Vive a paixón en galego, que ten como obxectivo valorizar a Semana Santa de Santiago mediante o uso do galego e as TIC, promovendo actuacións de difusión e participación social.

Poranse en marcha dous concursos: Paixón Curta, no que os participantes deberán gravar unha curtametraxe da Semana Santa e subila a unha rede social cunha sinopse en galego, e Imaxes de Paixón, que consiste na realización de fotografías co móbil que deberán ser subidas á unha rede social tamén cunha sinopse en galego.

Haberá un gañador de cada concurso que será premiado con 100 euros. O xurado valorará tanto a calidade dos traballos como a difusión na rede.

Os traballos poderán subirse á rede ata as 14:00 horas do día 7 de abril. A entrega dos premios terá lugar o día 17 desde mesmo mes.

Compartir: