XUNTA DE GOBERNO

O Goberno local destina 1,8 millóns de euros á prestación do Servizo de Axuda no Fogar

27/03/2015 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, adxudicou o Servizo de Axuda no Fogar á empresa Valoriza Dependencia, por un importe de 15,22 euros/hora de atención. Para esta finalidade, o Concello reserva nos seus orzamentos un total de 1.801.883 euros, distribuídos entre os anos 2015 (685.831 €), 2016 (914.441 €) e 2017 (228.611 €).

O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, anunciou a adxudicación deste Servizo de Axuda no Fogar, un servizo público de carácter local que ofrece un conxunto de atencións a persoas ou unidades de convivencia no propio domicilio para facilitar o seu desenvolvemento e a permanencia no seu contorno habitual.

Lembrou Hernández que a atención, que se presta os 365 días do ano en horario de 7:00 a 22:00 horas, vai dirixida especialmente a aquelas persoas que teñen limitada a súa autonomía persoal ou que sufran casos de desestruturación familiar. As prestacións poden ser básicas (para actividades da vida diaria) ou complementarias (para acompañamento, asistencia a distancia, adaptacións funcionais do fogar, podoloxía ou fisioterapia).

O acceso ao servizo pode ser directo, nos casos de dependencia con situación recoñecida, ou por libre concorrencia, cunha valoración e asignación de servizos que corre a cargo do persoal técnico municipal.

Na actualidade hai un total de 189 persoas usuarias deste servizo, das que 90 corresponden á modalidade de dependencia e 99 persoas accederon ao servizo a través da libre concorrencia.

Documentos relacionados



Compartir: