CENTROS SOCIOCULTURAIS

A Rocha homenaxea a Luciano García Alén

15/09/2006 Con motivo da celebración da II Semana Cultural da Rocha, este barrio renderá homenaxe a Luciano García Alén e á súa dona, María García Ayuso, en recoñecemento ao seu labor social e cultural no barrio da Rocha Vella. Os actos centrais celebraranse o venres 22 e consistirán na inauguración dunha escultura sobre o conto de "O Castelo da Rocha Vella" e na estrea dunha peza musical inspirada nesta historia infantil.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, será o encargado de inaugurar unha escultura de Xexu sobre o conto "O Castelo da Rocha Vella", de Luciano García Alén, que se situará nunha nova rotonda na Praza da Roca. No acto tamén participarán os concelleiros de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, e de Obras e Infraestruturas, Bernardino Rama, ademais dos membros das Asociación de Veciños Serafín Zas e da Asociación Cultural Rocha Forte.

A continuación, estrearase unha peza musical inspirada no relato e escrita por Amador Santos Bartolomé. Baixo a súa dirección, a Banda Municipal de Santiago interpretará a peza, dividida en tres partes, como tres son os personaxes deste conto: Oca, un canciño de palleiro que leva pendurado no pescozo unha cuncha e peregrino; Federico, un corvo que pairea e controla a paisaxe; e Manú, unha toupa experimentada en cavar galerías subterráneas. Unha cea de homenaxe a Luciano García Alén e á súa dona, María García Ayuso completará este recoñecemento colectivo.

Estes actos inclúense no programa da segunda edición da Semana Cultural da Rocha, que este ano dedica unha especial atención a dos sinais de identidade do barrio, o ferrocarril. Así, o martes 19 comezarán as actividades coa apertura da exposición "Semana do tren na Rocha", da Asociación de Amigos do Ferrocarril. E para rematar a Semana, o sábado 30 haberá unha viaxe en tren a Vilagarcía de Arousa, onde se visitará o Museo do Ferrocarril, ademais do Centro de Interpretación da Ría de Arousa. O recordo ao tren inclúe tamén a proxección o xoves 28 do documental "Carrilanos, os túneles dun tempo".

Ademais destas, está prevista unha ampla gama de actividades para toda a semana, como unha festa infantil, unha representación de teatro, obradoiros de informática, cine, contacontos, un obradoiro de abelorios e a conferencia "A importancia da alimentación equilibrada". O sábado 23 haberá unha misa de campaña na honra de Santa Eufemia e unha sardiñada con actuación musical.

Compartir: