CULTURA

Concerto das bandas viguesas Caraba e Inerttes este xoves na Zona C

25/03/2015 Dentro do ciclo Compostela Rock, este xoves teremos unha xornada de rock alternativo con dúas bandas viguesas: Caraba e Inerttes. Será a partir das 20:30 horas na Zona C. As entradas teñen un prezo de 4 € anticipada e 6 € o día do concerto. Poden retirarse no despacho de billetes do Teatro Principal, de 18:00 a 21:00 h de martes a sábado, así como na Reixa Tenda e o propio día do concerto na Zona C dende as 19:00 horas.

O 1 de agosto de 2008 fórmase Caraba como punto de encontro de tres amigos con ganas de facer cancións. Tras varios ensaios durante catro semanas, gravan a súa primeira maqueta en Litium Records titulada Cosa fina. Conseguen esgotar todas as copias nas súas primeiras datas de concertos. Con esas cancións logran situarse en varias finais de concursos, chegando a gañar o segundo premio no EISVmusic2009, onde telonean a Tonhito de Poi.

Ao pouco comezan a tocar en varias localidades galegas e comparten escenario con Zahara, Sidecars, Dr. Sapo, Eladio e os Seres Queridos, Idealipsticks e Negralha e BNegão. Tras un tempo dando concertos de presentación, deciden gravar con máis calma un EP de oito cancións con Juan Hernández que titulan Que tengas un buen día.

Entre sesións e pistas son nomeados na novena edición dos Premios da Música Maketon Estrella Galicia e participan na xira MKEG. Á súa vez, inclúense no circuíto do Agadic e volven percorrer novos lugares de Galicia para presentar este novo traballo. Durante varios meses conseguen tocar en máis sitios grazas a Un Buen Día Producciones, ata que deciden finalizar a presentación do EP.

É entón cando comezan a preparar un repertorio cheo de cancións novas para gravar outra vez con Juan Hernández. Durante eses meses, inician un proxecto chamado Caraba en caravana, que consiste na publicación mensual de vídeos dunha soa toma nos que saen interpretando en formato acústico varias cancións inéditas ata a data. Durante o 2014 comezan a gravar o seu novo EP para despois emprender unha ruta de concertos de presentación baixo o título de Tornasol.

Inerttes nace en Vigo a finais do ano 2004, aínda que non sacará o seu primeiro traballo discográfico ata maio de 2008. Este EP, Starpez, permítelles gañar o Maketón Estrella Galicia dese mesmo ano e chegar ás finais de diversos concursos a nivel nacional, así como a formar parte dun recompilatorio de música emerxente de fala hispana editado en Lima (Perú) polo selo Madrugada Discos.

A partir de entón prodúcense numerosos concertos, tanto na propia cidade como por todo o territorio galego. En setembro do ano 2011 edítase Directo al jardín, produción audiovisual gravada nos Estudos Eclipsis, realizado por María Domínguez, e con diversas colaboracións da escena musical local.

En marzo do 2012 sacan á luz o seu disco titulado Dosmildoce, co novo selo discográfico galego Barafunda Recors (Vigo). Dosmildoce foi gravado nos Estudios Eclipsis (Ponteareas) baixo a produción de Paco Serén e masterizado en Metromastering Estudios (A Coruña). Este traballo preséntase por toda Galicia e sérvelles para que a crítica os sitúe como unha das bandas máis potentes da escena local e lles augure un futuro e un presente máis que prometedor. Actualmente atópanse gravando o seu novo traballo, que anticiparon co tema e videoclip dun dos singles, "La clave".

Compartir: