CULTURA

"Os Bolechas na máquina do tempo", este domingo no Auditorio de Galicia

25/03/2015 Os Bolechas chegan este domingo ao Auditorio de Galicia para presentar Os Bolechas na máquina do tempo, unha viaxe a través do tempo cun científico tiruleco. Será ás 18:30 horas e está organizado polo Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago dentro do programa de dinamización lingüística FalaRedes 2015, da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

A entrada será de balde pero previa retirada de invitación. Todos aqueles interesados en asistir teñen que retirar os convites no despacho de billetes do Teatro Principal, que está aberto de martes a sábado e días de evento de 18:00 a 21:00 horas. Se quedan entradas libres o propio domingo, poderán retirarse no mesmo Auditorio de Galicia dende as 17:30 horas, unha hora antes de que comece o espectáculo.

Os xa famosos Bolechas, deseñados por Pepe Carreiro, volverán darse cita desde a primavera cos seus amiguiños e amiguiñas máis fieis, a cativada de entre 4 a 8 anos, nunha nova viaxe chea de aventuras e de diversión. Logo de deixar atrás o Sabichón, os irmáns e o seu inseparable Chispa atoparán un aparello que os teletransportará ata o futuro converténdoos en adultos: a máquina do tempo. O doutor Apolodoro -o científico turuleque dono da máquina- levaraos a coñecer diferentes etapas da historia nunha viaxe temporal onde os Bolechas terán que valerse da inestimable axuda do público para regresaren ao presente e á infancia.

Os Bolechas na máquina do tempo é un espectáculo de monicreques manipulados por actores á vista no que se simulará unha aventura a través do tempo. Braulio mandará a Carlos e a Pili ao futuro na máquina do doutor Apolodoro, que se estraga e acabará por teletransportar os dous irmáns á Prehistoria... O enxeño e a habilidade do público serán claves para axudarlles aos Bolechas a regresar ao presente. Braulio, Carlos, Pili, Loli, Sonia, Tatá e Chispa son un referente positivo galegofalante para a xente miúda da casa, pois Os Bolechas falan sempre na nosa lingua: nos libros, nos programas televisivos e nos espectáculos. Con isto quérese potenciar a identificación dos nenos e nenas asistentes cos seus protagonistas.

Compartir: