CULTURA

Sete concertos #atlánticos# no ciclo Sons'15 para os meses de abril a xuño

25/03/2015 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou esta mañá a programación do ciclo Sons'15 para o segundo semestre do ano, os meses de abril a xuño. Nesta ocasión o ciclo chamarase Sons #atlánticos#, xa que o eixe vertebrador desta programación é o Atlántico: Galicia, Portugal e Brasil como puntos de referencia, dun ou doutro xeito. Son un total de sete concertos no Teatro Principal, Auditorio de Galicia, Salón Teatro, Auditorio Abanca e CGAC.

O programa Sons #atlánticos# arrinca o 7 de abril no Principal con Rústica, o proxecto de catro músicos galegos de grande relevancia: Cristina Pato, Davide Salvado, Anxo Pintos e Roberto Comesaña. Trátase da presentación e único concerto en Galicia deste encontro que pon en valor o patrimonio cultural galego coa gaita, acordeón, zanfona, pandeiros e voz. O 23 de abril, tamén ao Principal, chegará a andaluza Irene Aranda, que presenta e grava ao vivo o seu novo disco, Tribus, acompañado de Lucía Martínez á batería e o galego Germán Díaz coa súa zanfona, formando o Irene Aranda Trío. Aranda é recoñecida como un dos novos valores máis sólidos da escena española do jazz e decidiu gravar o seu novo traballo na nosa terra.

Comeza maio ao ritmo da música brasileira sobre temas de Víctor Manuel. Será con Un poco de ti, o novo proxecto de Vaudí, músico de Pernambuco que leva máis de vinte anos vivindo en Asturias e que toma a bossa, o jazz e a música popular brasileira para reinterpretar éxitos como "Nada sabe tan dulce como su boca" o "Solo pienso en ti". Será o día 12 no Salón Teatro. E o 23 de maio pasamos da música brasileira á portuguesa, xa que chega a Compostela o lisboeta Gil do Carmo para presentar o seu novo disco, A Uma Voz, no Auditorio Abanca. Neste proxecto conxúgase a tradición de Lisboa e o fado co jazz, a guitarra portuguesa co acordeón e a voz de do Carmo creando unha sonoridade única. O mes de maio péchase Sons #atlánticos# o venres 29 no CGAC con Puntada sen fío, a nova formación dos galegos Xiana Lastra, Juan Collazo e Roberto Rama, que despois de coincidir noutros proxectos decidiron tocar xuntos. Presentan A lúa prendeu a luz, que recolle cantigas tradicionais galegas, temas de autor e algunha tradución á nosa lingua.

Xuño comeza volvendo de novo a Brasil da man de Fred Martins, que nos presenta o seu primeiro disco, Para além do muro do meu quintal. Será o día 5 no Principal cando poderemos escoitar a mestura de músicas que nos ofrece Martins, que pasan pola bossa, a samba e a música popular brasileira pero captando elementos do blues e do rock. E péchase estes Sons #atlánticos# cun concerto de luxo: será o de Uxía & Narf, que nos presentan o seu novo disco, As baladas da Galiza imaxinaria, o día 10 no Salón Teatro. Uxía e Narf unen os seus repertorios nun espectáculo conxunto onde todas as cancións teñen unha historia detrás relacionada cun encontro, viaxe ou experiencia vivida a través da música.

As entradas para todos os concertos poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 h de martes a sábado e días de evento) e na sala onde se celebra o concerto o propio día do mesmo. Ademais, hai outros puntos de venta a maiores para algúns deles, como a web e teléfono de Abanca, Merlín e Familia ou madapro.es.

Direcciones relacionadas



Compartir: