SERVIZOS SOCIAIS

"A nosa vida en positivo" regresa en abril

25/03/2015 A concelleira de Servizos Sociais, María Corral, acompañada por Lola Sanz, orientadora do IES Antonio Fraguas, e pola traballadora social Eva González, presentou a segunda edición do programa A nosa vida en positivo, que se desenvolverá durante o mes de abril.

Esta iniciativa, dirixida á xuventude e organizada polo equipo comunitario do barrio de Fontiñas coa colaboración do Concello, ten coma obxectivo que os adolescentes coñezan os dereitos e obrigas que asisten a todo menor e aprendan a exercitar os seus dereitos de forma responsable, así como poñer de manifesto as consecuencias, dende un punto de vista legal, de determinadas condutas; fomentar a participación dos adolescentes na vida comunitaria; desenvolver conciencias críticas sobre o seu modo de actuar e proceder; desenvolver contidos curriculares (propios de certas materias educativas) cunha metodoloxía innovadora e participativa e desenvolver nos adolescentes a reflexión e a actitude crítica.

Tamén se pretende que o persoal técnico do ámbito socioeducativo aprenda a analizar, definir e clarificar as normas de actuación co colectivo infanto-xuvenil, a incrementar o coñecemento sobre os recursos existentes relacionados coas situacións de vulnerabilidade social que afectan aos menores e a fortalecer as pontes entre a institución escolar, a social e a comunidade.

Obradoiro e conferencia
Para conseguilo realizaranse varias actividades durante o mes de abril. A primeira, que terá lugar o día 8 no Centro Sociocultural das Fontiñas entre as 11:00 e as 12:30 horas, consistirá nun obradoiro impartido pola asociación Arela no que, dun xeito didáctico e dinámico, se estude polo miúdo a Lei 5/2000, de responsabilidade penal do menor.

Con esta actividade búscase abordar conflitos nos que pode estar inmersa a poboación adolescente, facendo especial fincapé nas situacións de acoso escolar, maltrato familiar, lesións e ameazas ou delitos derivados dunha mala utilización das redes sociais, explicando ademais as consecuencias legais que ten a comisión deste delitos. Está previsto que asista o alumnado de 4º da ESO do IES Antonio Fraguas acompañado de parte do profesorado.

A segunda das actividades desenvolverase o 21 de abril no Centro Sociocultural das Fontiñas entre as 11:00 e as 12:30 horas. Trátase da conferencia Ser joven hoy, impartida por Javier Urra Portillo, doctor en Psicoloxía e en Ciencias da Saúde e pedagogo terapeuta. Acudirá o alumnado de 6º de Educación Primaria dos CEIP Fontiñas e Monte dos Postes e o de 1º de ESO do IES Antonio Fraguas.

Como novidade este ano, a rede comunitaria do barrio de Fontiñas abre esta iniciativa ás restantes entidades socioeducativas do municipio coa conferencia Ser hoven hoy que Javier Urra volverá impartir o mesmo día 21, entre as 17:00 e as 18:30 horas, no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela, nesta ocasión dirixida a alumnos e alumnas doutros centros escolares do municipio así como a entidades sociais.

Dende a organización anímase a todas e todos a participar nesta actividade, sendo necesaria a inscrición previa, que se pode realizar por medio do correo electrónico ise@santiagodecompostela.gal antes do 14 de abril de 2015.

O programa desta segunda edición de A nosa vida en positivo, nacida tras o éxito da primeira celebrada en 2013, foi deseñado por persoal técnico da UTS Fontiñas, do Programa Municipal Socioeducativo e do Programa Municipal de Prevención (todos eles pertencentes á Concellería de Servizos Sociais) conxuntamente con persoal do IES Antonio Fraguas.

Durante a presentación, a concelleira de Servizos Sociais quixo agradecer ao equipo comunitario do barrio das Fontiñas o seu traballo neste ámbito, así como recalcar a importancia deste tipo de iniciativas e invitar a todos os centros educativos e sociais a participar na conferencia do día 21.

Compartir: