CULTURA

Wöyza no ciclo Íntimo & Acústico

24/03/2015 A viguesa Wöyza presenta o seu último traballo, Wötown, na nosa cidade, dentro do ciclo Íntimo & Acústico. Será este venres, a partir das 21:30 horas, na Sala Capitol. As entradas poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas,), en Ticketea, Cultura Urbana, A Reixa Tenda ou salacapitol.com. O prezo é de 7 euros anticipada de 10 euros o día do concerto.

Os que a viron en directo sábeno: Wöyza é un talento en plena ebulición e é imposible encontrar no mundo unha proposta similar. De novo son as rúas de Vigo as que viron crecer esta proposta singular. Vinculada nas súas orixes co hip hop, a súa traxectoria foise enriquecendo con todos os afluentes da música negra, soul, funk, pop, reggae, r&b… e non hai limites na emoción e potencia que caracterizan os seus concertos.

Mentres esperamos noticias do seu próximo traballo, seguiremos gozando de Pisando el suelo que ves (2008), 14 cancións que van camiño de converterse nun clásico. Wöyza presenta un espectáculo baseado neste traballo, cun formato orixinal e que representa a súa devoción polo Soul do gran selo Motown de Detroit.

Wötown, porque baixo esta denominación transmite unha nova liña de pensamento, traballo e musicalidade. As voces do soul, o beatbox, un piano cargado de groove, reinterpretacións das súas cancións máis coñecidas, avances do seu próximo álbum e versións.

En Wötown, Wöyza plasma parte da súa experiencia vital e musical, independencia, mensaxe positiva e crítico, feminidade... Coa forza da súa voz, da súa palabra e acompañada sempre dunha banda de músicos excepcionais.

Compartir: