CULTURA

Matarile Teatro presenta "Hombres bisagra" dentro da programación do ciclo Danza 2015

24/03/2015 O Teatro Principal acolle o último traballo de Matarile Teatro, veterana compañía compostelá con case 30 anos de historia ás costas cuxas producións e traxectoria mereceron numerosos galardóns. Hombres bisagra é unha proposta escénica híbrida que se achega máis á idea de concerto que á de representación teatral. Poderemos vela este mércores e de novo xoves e venres, ás 20:30 horas, no Teatro Principal, dentro do ciclo Danza 2015.

O espazo sonoro, as atmosferas de luz e as imaxes son as que suxiren, evocan e producen situacións, potenciadas pola plasticidade dos corpos. A música e ambiente de son están xerados en directo por unha colección de sintetizadores históricos da primeira época da composición de música electrónica. "Si, un teatro que presenta a realidade do teatro: unha experiencia artística compartida. Unha vivencia que invade os nosos sentidos e nos move na butaca e despois, moito despois (...) Homes bisagra reinventa o teatro" (Afonso Becerra. ArtezBlai).

Información de entradas e Bono Danza
O prezo das entradas é de 10 euros e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas), en entradas.abanca.com ou no 902 434 443.

Este ano ponse en marcha o Bono Danza 2015. Este bono entrégase gratuitamente coa compra dunha localidade para calquera dos espectáculos incluídos no catálogo Danza 2015 e dá dereito a un desconto do 25% na compra da entrada (máximo de 1 entrada por espectáculo) para o resto de das representacións do catálogo. O desconto do 25% no prezo da entrada poderá facerse efectivo mostrando este bono e o DNI no despacho de billetes do Teatro Principal ou na Zona C e no Salón Teatro os días de espectáculo. É persoal e intransferible e non se pode acumular a outros descontos.

Compartir: