ALCALDÍA

Santiago acollerá en xullo a reunión anual de directores do Instituto Cervantes

24/03/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, recibiu o secretario xeral do Instituto Cervantes, Rafael Rodríguez-Ponga, quen lle comunicou que a cidade será sede da próxima Reunión Anual de Directores da institución na segunda quincena do vindeiro mes de xullo. Na xuntanza falaron sobre esta cita, que congregará durante varios días aos máximos responsables do Cervantes para marcar as liñas de actuación do curso seguinte. Na reunión participaron tamén a concelleira de Cultura e Patrimonio, María Antón, e o vicesecretario técnico do Instituto, Miguel Spottorno.

A Reunión Anual de Directores celebrarase previsiblemente do 21 ao 24 de xullo próximo, e nela participarán os máis de 70 responsables do Instituto Cervantes en España e en todo o mundo. O Instituto está presente hoxe en 90 cidades de 43 países dos cinco continentes. Durante os últimos anos, as Reunións de Directores celebráronse na Coruña (2005), León (2006), Córdoba (2007), Soria (2008), Comillas (Cantabria) (2009), Alcázar de San Juan (Ciudad Real) (2010), Alcalá de Henares (2011), Salamanca (2012), Cáceres e Mérida (2013) e Logroño e San Millán de la Cogolla (2014).

Segundo Rafael Rodríguez-Ponga, a elección de Santiago de Compostela para albergar a Reunión Anual de Directores do Instituto Cervantes servirá para dar a coñecer en todo o mundo a oferta cultural e turística da cidade. Ademais, dixo, permitirá facer fincapé na "dimensión do idioma español en toda a súa diversidade".

Compartir: