CONSORCIO

Concerto dos alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais no Paraninfo da Universidade de Santiago

24/03/2015 No marco do programa A Escola na Cidade, que promove a Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, este mércores, 25 de marzo, celebrarase un novo concerto protagonizado polos alumnos do curso de posgrao do centro. Terá lugar ás 20:00 horas no Paraninfo da Universidade de Santiago, na Facultade de Xeografía e Historia. A entrada é gratuíta ata completar aforo. A duración estimada desta actuación é dunha hora.

A cita musical comezará coa intervención do cuarteto de corda da Escola, que interpretará dúas obras: Cuarteto de corda nº 2, de Felix Mendelssohn (1809-1847), e La oración del torero, do compositor andaluz Joaquín Turina (1882-1949). Participarán dous violíns, unha viola e un violoncello.

O concerto rematará coa actuación dun quinteto de vento, integrado por unha frautista, unha oboísta, un clarinetista, un fagot e un trompista. Tocarán a obra Serenade, do compositor húngaro Ferenc Farkas (1905-2000), e Quinteto, do recoñecido músico danés Carl Nielsen (1865-1931).

A Escola na Cidade
O programa A Escola na Cidade é un ciclo de concertos interpretados polos alumnos do Curzo Avanzado de Especialización Orquestral do centro, curso de posgrao recoñecido como título propio da Universidade de Santiago. Con esta iniciativa a Escola implícase na programación cultural de Santiago, a través da organización periódica de concertos de cámara protagonizados polos alumnos do centro, xunto con ciclos de solistas.

Compartir: