ECONOMÍA

O programa Urbano Norte promove a actividade empresarial durante esta semana a través de diversos módulos formativos

24/03/2015 A Concellería de Economía organiza ata o 27 de marzo o programa Urbano Norte de promoción da actividade empresarial. O programa está dirixido a persoas emprendedoras, emprendedores, traballadores, persoas desempregadas e veciños, que teñen estes días a oportunidade de asistir a diversos módulos formativos. Todos eles impártense nun autobús histórico de 25 prazas. Este programa organízase dentro do Urbana Santiago Norte, proxecto cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

A bordo do autobús no que se imparte a formación, a concelleira de Economía, Reyes Leis, presentou as diversas actividades do programa Urbano Norte. As actividades son as seguintes: asesoramento sobre ideas empresariais e proxectos de investimento cada mañá, a primeira hora; módulos para aprender a emprender entre as 11:00 e as 12:00 horas; micro charlas de talento social e directivo de 12:00 a 13:00 horas; rutas de análise de mercado polo territorio Urbano Norte de 16:00 a 17:00 horas; sesións de contacontos sobre mercadotecnia, xestión do tempo e estratexia de 17:00 a 18:00 horas; dinámicas de competición, isto é, competencia cooperativa, cada tarde de 18:00 a 19:00 horas; e cursos de compatibilidade para socia/os entre as 19:00 e 20:00 horas.

As sesións formativas impártense nun autobús adaptado as características do proxecto e as necesidades dos cursos. O autobús percorre o ámbito de actuación do proxecto Urbana Santiago Norte de tal xeito que, ao mesmo tempo que se amosan os contidos teóricos da formación, tamén se pode ir vendo a súa posible aplicación práctica en zonas concretas da cidade. O percorrido do autobús tamén serve para amosar as posibilidades de emprendemento nos diferentes barrios e rúas.

O autobús do Urbano Norte traza o seguinte percorrido: Estación de Autobuses- San Caetano - avenida de Castelao - Vista Alegre - rúa do Avío -rúa Gumersindo Busto Villanueva - rúa Ulpiano Villanueva - avenida Burgo das Nacións - Xoán XXXIII - avenida de Coímbra - San Roque - Rodas - Porta do Camiño - rúa de San Pedro - Belvís - Quiroga Palacios - avenida de Lugo - Concheiros - Angustia - Bonaval - rúa Ramón del Valle-Inclán - San Roque - Rodas - Porta do Camiño - rúa de San Pedro - Concheiros - Rodríguez de Viguri - Salgueiriños - San Caetano - Estación de Autobuses.

O programa, que ten a súa propia web, www.urbanonorte.com, pecharase o venres 27 de marzo, ás 19:00 horas, no Museo do Pobo Galego, cunha dinámica final na que participarán todos os formadores do proxecto.

Direcciones relacionadas



Compartir: