CONSORCIO

Arranca "A Escola na Cidade", un ciclo de concertos interpretados por alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais

23/03/2015 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, pon en marcha unha nova edición de A Escola na Cidade, un ciclo de concertos interpretados polos alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral do centro, curso de posgrao recoñecido como título propio da Universidade de Santiago. As entradas destas actuacións son gratuítas ata completar aforo.

O primeiro destes concertos de cámara celebrarase este martes, 24 de marzo, ás 20:00 horas, no Auditorio da EAEM. Terá unha duración estimada dunha hora. Comezará co cuarteto de corda do centro -integrado por dous violíns, unha viola e un violoncello-, que interpretará o Cuarteto Americano do compositor Antonin Dvorák (1841-1904).

De seguido, un quinteto de alumnos tocará a obra Serenata, de Alfred Schnittke (1034-1998). Intervirá un violín, un clarinete, un contrabaixo, unha percusionista e unha pianista.

O concerto rematará cun quinteto de vento -composto por dúas trompetas, unha trompa, un trombón e unha tuba-, que achegará ao público tres obras: parte de Cadros dunha exposición de Modest Moussorgsky (1839-1881), Coral de Bach (1685-1750) e o primeiro movemento do Quinteto nº 1 de Victor Ewald (1860-1935).

Actuacións ata o mes de xuño
Con esta iniciativa, a Escola implícase na programación cultural de Santiago a través da organización periódica de concertos de cámara protagonizados polos alumnos do centro, xunto con ciclos de solistas. O mércores haberá outra actuación no Paraninfo da Universidade de Santiago.

Ademais, entre os meses de maio e xuño, como colofón dos seus estudos, cada un dos alumnos do curso de posgrao da Escola deberá realizar un concerto público que implique unha participación solista destacada. Así mesmo, os alumnos máis destacados do centro terán a oportunidade de interpretar como solistas un programa acompañados pola Real Filharmonía de Galicia no mes de xuño.

Compartir: