ALCALDÍA

Plantación de 300 árbores e arbustos autóctonos no Parque Avilés de Taramancos para celebrar o Día da Árbore

23/03/2015 Alumnos e alumnas do IES Arcebispo Xelmírez II (de 1º e 2º da ESO) e do CEIP das Fontiñas (de Educación Infantil e Primaria) celebraron o Día da Árbore. Os escolares realizaron unha plantación de árbores e arbustos autóctonos no Parque Avilés de Taramancos, nas Cancelas.

O obxectivo desta celebración do Día da Árbore (21 de marzo) é lembrar a importancia das árbores e dos bosques, e promocionar a conservación das zonas verdes da cidade. Así, como cada ano, realizouse unha plantación de árbores e arbustos nun parque da cidade. Nesta ocasión foi no Parque Avilés de Taramancos, na zona das Cancelas.

Plantáronse 15 bidueiros, 15 faias, 8 freixos, 10 maceiras, 10 cerdeiras, 10 pereiras, 15 cerquiños, 25 carballos, 7 capudres, 50 sangomiños, 50 xestas, 50 abeleiras e 35 acivros.

Pola súa proximidade, participaron nesta xornada o IES Arcebispo Xelmírez II (alumnos de 1º e 2º da ESO) e ao CEIP das Fontiñas (alumnos de Educación Infantil e Primaria). A actividade consistiu na plantación de árbores e arbustos autóctonos por parte dos escolares. Ao rematar ofrecéuselle aos rapaces un pequeno almorzo e entregáronse agasallos e material didáctico conmemorativo deste Día da Árbore.

Compartir: