EDUCACIÓN

Alumnos de sexto de primaria do CEIP Raíña Fabiola visitarán Salamanca grazas ao programa "Aula de Patrimonio"

19/03/2015 Un grupo de 25 alumnos e alumnas do CEIP Raíña Fabiola visitarán a cidade de Salamanca os días 23, 24 e 25 de marzo, como premio por ser os vencedores deste ano do programa Aula de Patrimonio, unha iniciativa organizada polo Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España que ten como obxectivo que o alumnado que vive e estuda nunha cidade patrimonio aprenda a coñecer e valorar non só a súa cidade, senón tamén o resto de cidades que ostentan o mesmo título outorgado pola UNESCO.

Durante a súa visita de tres días a Salamanca, os estudantes visitarán algúns dos lugares patrimoniais máis emblemáticos da cidade coma o Edificio de Escolas Maiores e Ceo de Salamanca da Universidade, o Museo de Historia da Automoción ou o Museo Art Nouveau e Art Decó. O segundo día participarán nunha recepción no Concello salmantino e partirán cara Alba de Tormes, onde farán un percorrido pola vila visitando a Torre de Alba de Tormes, a Igrexa da Anunciación, o sepulcro de Santa Teresa de Xesús e a Alameda. Durante a derradeira xornada, antes de emprender o camiño de volta cara Compostela, os escolares visitarán o Colexio Misioneiras da Providencia, as torres medievais da Catedral -onde poderán contemplar a exposición ERONIMUS- e as Torres da Clerecía.

Os pasados días 2, 3 e 4 de marzo foi un grupo de escolares de Salamanca o que, grazas a Aula de Patrimonio tivo a oportunidade de visitar Santiago e coñecer máis en profundidade o seu patrimonio histórico.

Ademais destas viaxes culturais, o programa Aula de Patrimonio tamén inclúe a realización de actividades didácticas que xiran en torno a propia cidade patrimonio e a realización dun traballo sobre o patrimonio e as novas tecnoloxías.

Compartir: