DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

O sector TEIC presentará en Santiago de Compostela solucións innovadoras que melloran a calidade de vida das cidades

19/03/2015 A terceira edición do Congreso Cidades Dixitais, a tecnoloxía aplicada a un novo concepto de sociedade, terá lugar os días 21 e 22 de abril en Santiago de Compostela, no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia. Nel presentaranse os últimos avances en tecnoloxía Smart para cidades, rexidos baixo os principios de desenvolvemento sustentable, innovación tecnolóxica e eficiencia na xestión, destinados a mellorar os servizos que se prestan aos cidadáns.

O encontro, que está organizado pola Confederación Española de Empresas de Tecnoloxías da Información, Comunicacións e Electrónica (CONETIC), contará coa presenza de representantes das administracións españolas, concellos nacionais e representantes de cidades e institucións de Colombia, México, Perú e Uruguai, así como representantes da industria tecnolóxica marca España.

O obxectivo deste congreso é poñer o coñecemento e as capacidades das empresas TEIC ao servizo das cidades e das comunidades. No acto de presentación en Raxoi, o presidente de CONETIC, Jorge Cebreiros, asegurou que, nesta terceira edición, "quixemos cruzar fronteiras e ter unha apertura internacional. Por iso, o Congreso convidou a compartir as súas experiencias a representantes de cidades latinoamericanas e de entidades que dan servizo a estas cidades, en espera de que xurdan sinerxías e futuras colaboracións, beneficiosas para as empresas, de aquí e de alí, como tamén para as cidades e os seus cidadáns. Acompañarannos representantes de cidades e institucións de Colombia, México, Perú e Uruguai, aos que agradecemos o esforzo de participar no noso congreso".

Durante a súa intervención, a concelleira de Desenvolvemento Urbano Sostible, Teresa Gutiérrez resaltou a importancia que para a cidade ten a oportunidade de acoller este congreso, dado que Santiago forma parte das Smart Cities, que aplican solucións baseadas na tecnoloxía aos problemas urbanos. A concelleira fixo especial fincapé no proxecto Sant iAGO, no que o Concello leva varios anos traballando e sinalou que "a nosa aposta por unha cidade tecnolóxica nace no corazón do casco histórico e centrase en conservar o importante patrimonio e, á vez, conseguir servizos que calquera cidadán do século XXI pode ter".

Neste congreso analizaranse as últimas visións, tendencias e boas prácticas, novidades tecnolóxicas e outros aspectos que condicionan o avance das cidades cara a un modelo Smart.

Contarase cunha gran representación de concellos españois. Así, cidades como Bilbao, Valencia, Ávila ou Logroño entre outras, que acompañarán a representantes de cidades galegas como Lalín, Ourense, á Eurocidade Chaves-Verín e, loxicamente, a Santiago de Compostela, xa confirmaron a súa participación. Da súa man mostrarase como os concellos están a integrar nas súas estratexias cidade proxectos de transporte intelixente, auga, residuos, accesibilidade ou goberno aberto, entre outros ámbitos Smart.

Intercambio internacional
Nesta edición, o Congreso ábrese ao encontro e intercambio de experiencias cun grupo de mandatarios de cidades latinoamericanas, que buscarán posibilidades de establecer colaboracións con empresas españolas en proxectos Smart para as súas cidades.

Nesa apertura internacional, o congreso buscará tamén o achegamento ao coñecemento das axencias multilaterais de financiamento, o seu funcionamento e como pode unha empresa española participar nos grandes proxectos liderados por estes axentes de financiamento.

Catro serán as áreas troncais sobre as que se articulará as mesas de debate: Xestión e reaproveitamento de residuos, Transporte intelixente de persoas e mercadorías, Seguridade nas Smart Cities e Accesibilidade na cidade e no fogar.

Expertos procedentes de institucións como Fenitel, Centac, Fundación Once, INCIBE, ICO Rede.é, RutaN de Medellín ou Relais Internacional, e empresas como Asintec, Get-App Spain, Ayco, Streaming Galicia, Proconsi ou Conceptual KLT, entre outros, achegarán a súa experiencia e coñecemento nas mesas de debate e nos espazos de demostración que se habilitarán durante as dúas xornadas de duración do Congreso.

CONETIC
CONETIC, Confederación Española de Empresas do Sector TIC, é unha Confederación estatal sen ánimo de lucro, creada a finais do ano 2005, formada por 14 asociacións autonómicas que representan a máis 1.400 empresas, superando os 66.000 traballadores e cunha facturación de 6.000 millóns de euros. CONETIC ten como finalidade básica a defensa dos intereses do sector español das TEIC para a mellora da competitividade das empresas.

Direcciones relacionadas



Compartir: